Este xoves celebrouse no Pazo de Quián en Boqueixón a Xornada de presentación e coordinación do proxecto de cooperación “Desenvolvemento e Dinamización das IXP de Viños de Galicia 2023”.

Tratase dun proxecto promovido por seis Grupos de Desenvolvemento Rural no que colaboran 16 adegas repartidas entre as cinco Indicacións Xeográficas Protexidas ao amparo das que se elaboran viños en Galicia.

Ao longo desta mañá representantes das 16 adegas que forman parte das cinco IXP de Viños de Galicia, presentes nas catro provincias galegas, e os representantes de AGACAL, do grupo coordinador GDR Pontevedra Morrazo, do GDR DELOA, do GDR Mariñas-Betanzos, do GDR ADERCOU, do GDR Salnés-Ulla-Umia e do GDR Montes e Vales Orientais reuníronse para avanzar nesta segunda edición do proxecto de cooperación. Un proxecto que pretende impulsar o sector vitivinícola de cada unha das indicacións establecendo canles de comunicación e cooperación entre elas e, ao tempo, favorecer o coñecemento, dentro e fóra das súas comarcas, dos produtos que elaboran as adegas, así como dos recursos enoturísticos que os rodean.

Desta forma, levaranse a cabo accións que poñan en valor ao produto, ao territorio e aos produtores e que axuden a consolidar as marcas comerciais en cada IXP, a que haxa un maior coñecemento das IXP e unha mellor percepción social das propias comarcas amparadas, así como un mellor posicionamento enoturístico das adegas e territorios.

Algunha destas accións serán: a creación e posta en marcha da asociación de adegas das IXP de viños de Galicia, traballar na mobilización ou recuperación da terra agraria para aumentar a base territorial das explotacións vitícolas, a creación de itinerarios enoturísticos nas IXP de Viños de Galicia ou a celebración de catro masterclass de viños das IXP de Galicia (Coruña, Lugo, Ourense, Vigo) de formación e divulgación sobre a viticultura e os viños, que incluirán catas comentadas e a degustación de viños das diferentes IXP de Galicia.

O proxecto está cofinanciado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural da Xunta de Galicia, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural a través da submedida LEADER 19.3 Cooperación, do Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2014-2020 e conta coa participación activa e contribución ao financiamento do proxecto dos propios operadores das diferentes IXP. En concreto conta coa colaboración de 16 adegas que se distribúen nas cinco Indicacións Xeográficas Protexidas de Galicia: Adega Ardán, Adega Os Areeiros, Mercedarios do Mosteiro de Poio, Reboraina e Videiras no Mar na IXP Ribeiras do Morrazo; Adega Entre os Ríos, Bodegas Calidade Antonio Saborido, Bodegas Torres Augusti, e Cazapitas na IXP Viños da Terra de Barbanza e Iria; Pagos de Brigante, Adegas Bordel, Adegas Rilo na IXP Viños da Terra de Betanzos, Adega Terras Mancas e Vides Singulares na IXP Val do Miño-Ourense e Adega Panchín e Adega Sidrón na IXP Terras do Navia.

Publicado en novas

Este xoves, no Pazo da Cultura de Pontevedra, o GDR Pontevedra Morrazo celebrou Xunta directiva e Asemblea xeral, nas que se aprobou, entre outros asuntos a Estratexia de desenvolvemento participativo (EDLP) 2023_27 que orientará os fondos europeos do Programa LEADER dos vindeiros anos no territorio.

A estratexia coordina e integra todos os elementos, todas as accións e actuacións sobre o territorio dirixíndoas a conseguir o obxectivo xeral de promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, a inclusión social e o desenvolvemento local.

Para isto o Plan de acción contempla pequenos investimentos destinados á diversificación das actividades non agrícolas no rural reforzando o sector agrario e forestal e mellorando a competitividade das zonas rurais e fomentando ao mesmo tempo un modelo produtivo inclusivo e diversificado, que tende cara a dixitalización, a transición ecolóxica e a sostibilidade

No que se refire ao conxunto da economía rural, para mellorar a calidade de vida e benestar social da poboación rural, o Plan prioriza os investimentos destinados á prestación de servizos básicos que axuden a manter as persoas no rural, creando emprego e reducindo o risco de pobreza.

Ademais dase prioridade aos proxectos vinculados aos diferentes instrumentos establecidos na Lei de recuperación dá terra agraria de Galicia, tanto a aqueles orientados ao aproveitamento agrícola, gandeiro ou forestal da terra, como a aqueles destinados a mellorar a calidade de vida da poboación rural.

No Plan de acción tamén se incorpora unha nova forma para fomentar o emprego no rural; o Bono activa rural. Trátase dunha axuda a tanto global destinada á creación e posta en marcha de actividades non agrícolas en zonas rurais. A axuda non se vinculará á xustificación de ningún gasto ou investimento, senón ao mantemento da actividade e ao cumprimento dun plan empresarial que deberá demostrar a súa viabilidade técnica e económica, apoiándose nas condicións de mercado.

No plan de formación afondase na viticultura sustentable proporcionando coñecementos e habilidades para implantar prácticas sostibles na produción de viño e contribuír ao desenvolvemento dun sector máis responsable e respectuoso co medio ambiente, e na Silvicultura sustentable, para implantar prácticas forestais sostibles, centrándose en cultivos alternativos á madeira, como as oliveiras e as castañas, e aproveitando as oportunidades dos mercados de carbono.

No plan de cooperación, contémplase 4 proxectos, en colaboración cos GDR de Galicia, que teñen como finalidade:

  • Realizar unha aposta pola produción agrogandeira de carácter artesanal e de calidade diferenciada, aproveitando os selos existentes a tal efecto, e potenciando a colaboración entre diferentes sectores e territorios.
  • Valorizar dunha maneira cooperativa os servizos ecosistémicos que prestan as comunidades de montes, incluidos os dereitos de carbono, apostando por un modelo de xestión forestal sostible e circular.
  • Apostar polo desenvolvemento do enoturismo ligado ás IXP vitícolas de Galicia, para promocionar os viños das IXP, ao tempo que se xera maior valor engadido para as explotacións e se contribúe a dinamizar a economía local, poñendo tamén en valor os recursos e o patrimonio local.
  • Apostar pola dixitalización do tecido económico local, promovendo un maior acceso á dixitalización e novas tecnoloxías por parte de pequenas empresas, co obxectivo de gañar maior competitividade no acceso aos mercados.

Finalmente, a estratexia tamén contempla actuacións propias do GDR no ámbito da animación e dinamización territorial, como o desenvolvemento da “Ruta dos viños oceánicos” da IXP Ribeiras do Morrazo, o proxecto "Memoria sonora" de activación da memoria a través da música de Raíz nos centros de día subvencionados polo GDR, ou a campaña de sensibilización ambiental para preservar a paisaxe, así como mesas redondas, xornadas , seminarios etc. para poñer en valor poñer en valor e potenciar a Estratexia e contribuír ao desenvolvemento do territorio e a reforzar a gobernanza das súas entidades.

Publicado en novas

Este xoves, no Pazo da Cultura de Pontevedra, o GDR Pontevedra Morrazo celebrou o FORO FINAL DE DESENVOLVEMENTO RURAL 2023_27 que culmina o proceso participativo para elaborar a estratexia dos vindeiros anos do territorio.

No foro afondouse a necesidade de deseñar unha estratexia que coordine e integre todos os elementos, todas as accións e actuacións sobre o territorio dirixíndoas a conseguir o obxectivo xeral de promover o emprego, o crecemento, a igualdade de xénero, a inclusión social e o desenvolvemento local.

Para isto o plan abarcará pequenos investimentos destinados á diversificación das actividades non agrícolas no rural reforzando o sector agrario e forestal e mellorando a competitividade das zonas rurais e fomentando ao mesmo tempo un modelo produtivo diversificado e respectuoso co medio ambiente.

No que se refire ao conxunto da economía rural, para mellorar a calidade de vida da poboación rural, o Plan priorizará os investimentos destinados á prestación de servizos básicos que axuden a manter as persoas no rural, creando emprego e reducindo o risco de pobreza.

Ademais fíxose fincapé na sustentabilidade ambiental e na necesidade de conservación dos recursos naturais das zonas rurais, apostando pola adopción de prácticas agrícolas e gandeiras respectuosas co medio ambiente, como o uso eficiente da auga, a xestión adecuada dos residuos e o uso reducido de pesticidas e fertilizantes químicos.

Entre outras accións, promoverase a protección e conservación da biodiversidade no rural mediante o fomento de prácticas agroecolóxicas, a creación de espazos naturais protexidos e a restauración de ecosistemas degradados. Fomentarase o uso de enerxías renovables no sector rural, promovendo a instalación de sistemas de enerxía solar, eólica ou outros limpos. Tamén se buscará promover a economía circular nas comunidades rurais, promover a reutilización, a reciclaxe e a redución de residuos.

Estas medidas contribuirán á conseguir un rural máis sostible dende o punto de vista ambiental, onde se promoverá a biodiversidade, se reducirá a pegada ecolóxica e se promoverá a transición cara a unha economía verde.

Publicado en novas

O vindeiro xoves, 15 de xuño de 2023, ás 19:00h., no Pazo da Cultura de Pontevedra, o GDR Pontevedra Morrazo vai celebrar o FORO FINAL DE DESENVOLVEMENTO RURAL 2023_27 para rematar a elaboración da futura estratexia do territorio.

O Foro está concibido como un espazo aberto e de encontro, no que calquera persoa ou entidade pode participar, achegando propostas e ideas que axuden a construír a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativa para as comarcas de Pontevedra e O Morrazo.

Queremos coñecer a túa opinión, para definir entre tod@s os principais obxectivos e proxectos que van marcar o rumbo do territorio nos vindeiros anos.

 

Por un rural vivo, dinámico e integrador,

INSCRÍBETE E PARTICIPA : https://forms.gle/2osN3y5CuMBvVmYX8

 A TÚA VOZ CONTA !!

Publicado en novas

O GDR Pontevedra Morrazo iniciou un amplo proceso de participación cidadá para deseñar a Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP) 2023_2027 que orientará os fondos europeos da medida LEADER no territorio.

A participación neste proceso é aberta e calquera persoa ou entidade poderá enviar as súas achegas e suxestións a través dun cuestionario online no que queremos recoller as opinións sobre as principais necesidades e prioridades para o desenvolvemento do territorio.

Ligazón cuestionario: https://forms.gle/ea9bBNqLhvHB4HWv5

Grazas pola túa participación, entre todos podemos contribuír a revitalizar o rural, a facelo máis habitable e habitado, dinámico e integrador.

Publicado en novas

Este xoves 16 de xaneiro o GDR participou no encontro de diagnose das catro zonas vitivinícolas galegas con Indicación Xeográfica Protexida que tivo lugar no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), co obxectivo de elaborar de xeito participativo a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia e afrontar, entre outros, os seguintes retos:

  • A dimensión dos viticultores e das adegas.
  • O cambio climático e a sostenibilidade.
  • Os novos patróns de consumo e enoturismo.
  • A adaptación a novas tecnoloxías e a innovación.
  • A loita contras as enfermidades.
  • A falta de relevo xeracional dos viticultores.
  • A necesidade de profesionalización do sector.
  • A comercialización e a internacionalización.
  • A nova PAC 2021-2027.
  • O brexit e os novos aranceis en EEUU.
  • O mantemento da calidade e o incremento do prezo.
  • Sinerxías con turismo, gastronomía e territorio.
  • Indentificar o viño coa marca-país.
Publicado en novas

Este martes tivo lugar na sede do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas (Praza Mugartegui, 10, Pontevedra) a realización da diagnose da zona correspondente a D.O. Rías Baixas co obxectivo de elaborar de xeito participativo a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia. Logo da recepción dos asistentes e a presentación do encontro a cargo do equipo responsable da redacción da Estratexia comezaron as dinámicas de participación analizando as principais debilidades, ameazas, fortalezas e oportunidades para o sector vitivinícola galego pechando o encontro coa elaboración das correspondentes conclusións, consensos e retos territorias e sectorias.

 

Publicado en novas

Visita de traballo dos participantes no curso "Agricultura ecolóxica", comprendido dentro do programa formativo "Xestión agroforestal sustentable" que o GDR está a desenvolver, ás instalacións de Hifas da Terra​ e Pilar Vispo Rodríguez para coñecer de primeira man a súa experiencia neste ámbito.

Agradecer a ambos a súa colaboración e a boa atención dispensada.

Publicado en novas

O 03 de setembro arrancaron no Pazo da Cultura de Pontevedra os cursos do programa formativo Xestión Agroforestal Sustentable que desenvolve o GDR Pontevedra Morrazo.

As accións formativas que se van a desenvolver durante este mes de setembro son:

  1. Agricultura ecolóxica (22 h)
  2. Gandería ecolóxica (16 h)
  3. Xestión sustentable do monte e producións alternativas (22 h)
  4. Sector ecolóxico: Comercialización, Responsabilidade Social Corporativa e Innovación (10 h)
Publicado en novas

A Xunta Directiva do GDR Pontevedra Morrazo ven de aprobar os proxectos da convocatoria 2018/19 de axudas europeas Leader por importe de 698.265,12 euros de axuda pública e 1.842.306,28 euros de investimento total para as comarcas de Pontevedra e O Morrazo.

De entre as solicitudes presentadas ata 31 de maio de 2018, a Xunta Directiva aprobou 21 proxectos que se subvencionarán na anualidade 2018/19 e contribuirán a creación e consolidación de 59,95 empregos (UTAS) dos cales 10,81 empregos serán de nova creación.

Publicado en novas