O GDR Pontevedra Morrazo realiza un Showcooking para promocionar a gastronomía local no Camiño Portugués dentro do proxecto “A Gastronomía fai camiño”

O GDR Pontevedra Morrazo está a colaborar no Proxecto "A gastronomía fai camiño" solicitado pola Asociación de GDR de Galicia dentro do Programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.

Os obxectivos do proxecto son:

-A elaboración dunha guía de pratos tradicionais e de producións locais e de tempada polas comarcas por onde transcorren os distintos Camiños de Santiago.

-A realización dunha degustación destas receitas convidando aos restaurantes dese Camiño coa finalidade de animar aos hostaleiros a ofertar un menú para as persoas que peregrinen e o turismo en xeral elaborado con producións locais, tradicionais e de tempada.

A través do proxecto A gastronomía fai camiño preténdese poñer en valor a gastronomía local e tamén dar a coñecer as tradicións asociadas aos produtos de cada zona.

Con tal motivo, o GDR Pontevedra Morrazo en colaboración coa Asociación de GDR de Galicia organizou este martes 8 de outubro un showcooking/degustación no Restaurante El Cafetín en Pontevedra con elaboración de tapas baseadas na gastronomía local e maridadas con viños da IXP Ribeiras do Morrazo.

A este acto estiveron convidados a participar os restaurantes así coma os Grupos de Desenvolvemento Rural do territorio por onde transcorre o Camiño Portugués.