O Concello de Pontevedra proxecta a rehabilitación e acondicionamento integral dun inmoble municipal no lugar de Os Campos-Mourente, para destinalo a actividades de desenvolvemento rural e como centro cívico e social onde poder realizar actividades e prestar servizos ós colectivos veciñais e culturais, e fomentar a participación cidadá e comunitaria das asociacións municipais. Tamén albergará a sede e oficina técnica do GDR Pontevedra-Morrazo onde desenvolver o traballo administrativo de dinamización e desenvolvemento rural, e acoller reunións e eventos de carácter institucional do grupo.

A edificación de dúas plantas será destinada a uso público para albergar todo tipo de actividades, por iso contará na parte baixa de 233,45m2 coa creación dun vestíbulo e un gran espazo para sala de exposición e uso múltiples, xunto con zona de almacén, aseos, cuartos de limpeza, etc; e na segunda planta de 239,65m2 instalarase unha zona de administración en concepto aberto apta para 3-4 traballadores con zona de arquivos, un despacho, unha sala de xuntas con capacidade para 35 persoas e outras dependencias para acoller as oficinas do GDR.

Ademais, o inmoble proxectado que se destinará a equipamento de carácter social, garante a accesibilidade de tódolos cidadáns e estará dotado de solucións de aforro enerxético.

O Concello de Soutomaior proxecta a creación dunha aula de internet adaptada de uso comunitario e público na Casa de Cultura de Arcade que permita dar servizo e acceso ós veciños e ás persoas con mobilidade reducida á sociedade da información con conexión de balde a internet como recurso para a alfabetización informática, consultas e trámites dixitais, apoio á formación, desenvolvemento cultural, etc.

O proxecto ten por obxectivo facilitar o uso das novas tecnoloxías, permitindo o desenvolvemento da sociedade da información e as relacións dixitais, utilizando as TICs como medio de inclusión social promovendo que todos os cidadáns poidan navegar gratuitamente a través do equipamento adquirido e a accesibilidade ás instalacións.

imaxe: https://www.porgaliciabaixo.com

O Concello de Marín proxecta a creación e posta en marcha dun portal web e dunha app turísticas mediante unha aplicación multiplataforma como ferramenta que canalice a experiencia dos visitantes no destino marinense e que permita valorizar os recursos e atractivos turísticos municipais a través do uso das novas tecnoloxías como canal de comunicación e interacción co turista.

Esta iniciativa ten por obxectivos: incrementar a satisfacción do turista/visitante grazas ó apoio e información prestados; dotar de tecnoloxía ó sistema de información turística municipal; facilitar a adecuación da oferta turística posibilitando a creación de novos contidos apoiados no uso das TICs; mellorar a eficacia na promoción e xestión dos recursos turísticos do concello; incrementar a competitividade do sector turístico local e xerar novas oportunidades de negocio.

O investimento consiste na creación, deseño e desenvolvemento da páxina web e da app previstas, xunto cun xestor de contidos e repositorio, un banco de imaxes/textos descritivos (grabación, edición e postprodución) e integración na aplicación.

Imaxe: http://www.concellodemarin.es

Proxecto de revalorización e potenciación do patrimonio natural e cultural dos Petroglifos do Outeiro no Concello de Barro (parroquias de A Portela e Perdecanai).

As actuacións previstas contribuirán a: recuperar e poñer en valor bens de interese cultural (BIC) do patrimonio arqueolóxico como os petroglifos do Outeiro/da Pedra Mirtada, petroglifo de Outeiro de Codeso, petroglifos de Castro Loureiro; sensibilizar e concienciar á poboación do municipio e ós seus visitantes sobre a importancia dos devanditos elementos e a súa conservación; favorecer o coñecemento e divulgación dos elementos catalogados; fomentar actividades turísticas, como o establecemento dun itinerario que permita o acceso e o contacto coa natureza e o medio ambiente natural; introducir as novas tecnoloxías na promoción de elementos históricos, naturais, culturais e patrimoniais do Concello de Barro.

Polo tanto, as actuacións terán un efecto medioambiental, educativo e cultural positivo, revalorizando o patrimonio arqueolóxico e cultural do entorno e potenciando o turismo a través da divulgación de contidos interpretativos mediante os medios convencionais e dixitais co uso das novas tecnoloxías.

Ademais, existe un acordo de colaboración entre o Concello de Barro e as CMVMC de A Portela e Perdecanai para o desenvolvemento do proxecto.

Imaxe:http://megaliticia.blogspot.com 

A Asociación de familiares de enfermos de Alzhéimer do Morrazo (AFAMO) trátase dunha entidade sen ánimo de lucro que nace con data 14/09/2000 para atender ás demandas dun colectivo de familias e persoas afectadas polas graves consecuencias da enfermidade de alzhéimer e outras demencias. Está inscrita como Entidade prestadora de Servizos Sociais con data 23/06/2001, e é Declarada de Utilidade Pública con data 18/06/2007.

O seu ámbito de actuación é comarcal, actuando nos municipios de Moaña, Cangas, Bueu e Vilaboa. E ten como principal finalidade: Prestar asistencia psicolóxica aos familiares; Axudar no coidado diario da persoa afectada informando, formando, asesorando e apoiando ao coidador principal e familia; Tratamento e rehabilitación da persoa afectada mediante o uso de terapias non invasivas (estimulación cognitiva, reminiscencia, terapia de orientación á realidade, psicomotricidade, fisioterapia e saídas terapéuticas, etc).

O proxecto presentado abrangue a adquisición dun elemento de transporte adaptado, que permita realizar un servizo integral de transporte cunha furgoneta preparada especificamente para atender persoas afectadas polo alzhéimer e outras demencias neurodexenerativas, usuarios/as dos servizos e programas de estimulación da AFAMO dende os seus domicilios ata os devanditos programas, e ampliar as actividades de carácter lúdico dende a asociación (excursións, visitas, saídas terapéuticas e culturais). Así mesmo, este novo servizo contribuirá a:

- Aumentar a participación nos programas terapéuticos e de estimulación, cubrindo as rutas requiridas polas persoas usuarios cunha programación adecuada e conforme coas necesidades desta poboación.

- Mellorar a calidade de vida das persoas afectadas

- Promover a autonomía persoal

- Aliviar a sobrecarga do coidador principal proporcionándolle un tempo de respiro.

Proxecto de ampliación e modernización do actual tanatorio de Moaña, que aumenta a súa capacidade produtiva ampliando as súas instalacións creando dúas salas de velorio con espazo anexo na planta baixa e un salón de oficios multirelixiosos en planta alta xunto ós espazos de servizo necesarios; modernizando o negocio dotando ó tanatorio de novos servizos (oficios multirelixiosos, catering) ademais dos servizos existentes de tanatorio, velación e ornamentación floral.

Nun inmoble de 479.2 m2 útiles subdividido en 2 plantas procederase a ampliara as instalacións existentes con: 2 salas de velorio con túmulo acristalado e subsalas de catering respectivas, salón de actos para oficios e anexos auxiliares de servizos.

Proxecto que propón a revalorización e potenciación da riqueza patrimonial, natural e histórica-cultural do entorno do Monte do Facho (co castro e o santuario galaico-romano de deus Berobreo) e da aldea medieval-moderna denominada “As Cortes” nun encrave privilexiado na área de Cabo Home, na Costa de Vela integrada na Rede Natura 2000d en Hío-Cangas.

As actuacións previstas contribúen a poñer en valor un espazo natural protexido e de alto valor etnográfico-arqueolóxico, a conservar e mellorar o medio ambiente, e a dotar de recursos interpretativos sobre os elementos do patrimonio natural-cultural (material e inmaterial) e sobre a biodiversidade ambiental da zona; favorecendo un desenvolvemento sustentable a través do uso das novas tecnoloxías, da interpretación e divulgación ambiental e da promoción turística local.

Ademais, existe un acordo entre a CMVMC de O Hío, a Asociación Cultural O Furatoxo, a Cooperativa de Pouso da Serra xunto co apoio do Concello de Cangas de traballo colaborativo para o desenvolvemento sostible e integral do proxecto.

Polo tanto, as actuacións previstas neste espazo singular terán un efecto medioambiental, educativo e cultural positivo, revalorizando o patrimonio cultural e natural do entorno e potenciando o turismo.

Proxecto de modernización dunha empresa con sede fiscal no lugar de Viñó en O Hío, adicada ós servizos de publicidade e relacións públicas, cara unha nova liña de negocio centrada na prestación de servizos audiovisuais dirixida sobre todo ó ámbito de internet [961-producción e servizos relacionados coa produción de películas cinematográficas, incluso vídeo].

Os novos equipamentos (material informático e fotográfico específicos, xunto co software necesarios) lle permitirán desenvolver a actividade audiovisual complementaria dun xeito profesional, evitando a subcontratación de equipos e servizos.

O Concello de Bueu proxecta a construción dun centro social e de formación no lugar de Sexide, coa finalidade de contar cunha infraestrutura municipal na que poder realizar actividades e prestar servizos ós colectivos veciñais e culturais, e fomentar a participación cidadá e comunitaria das asociacións municipais. Tamén se destinará a centro formativo que permita cubrir o déficit que ten o concello de instalacións axeitadas para poder realizar accións de formación e de capacitacións da poboación, especialmente de persoas en situación de desemprego que lles permita mellorar a súa inserción laboral.

Proxecto de creación dunha lavanderia autoservizo en Ponte Caldelas, ubicada na rúa Puente 1-baixo local 6 cunha superficie de 81.91 m2 . Os servizos ofertados contemplan o autolavado e autosecado baixo a utilización de produtos biodegradables a prezos básicos, especializado no lavado húmido e cun amplo horario de apertura á cidadanía.