Proxecto de ampliación e modernización dun estudo de deseño de produto e industrial no lugar de Pedreira no municipio de Soutomaior. As novas instalacións albergarán unha oficina técnica e novas áreas como un laboratorio de I+D+I e un amplo espazo de obradoiro de 81.2m2, que xunto coas impresoras 3D e equipamento específico, lles permitirá: a produción de pezas a través da tecnoloxía 3D para o prototipado dos produtos, a montaxe dos prototipos deseñados, a realización das probas “in situ” e almacenaxe, mellorando a produtividade, e acadando unha maior eficiencia e calidade no proceso produtivo.
A empresa naceu como IEBT (iniciativa empresarial de base tecnolóxica) e conta con máis de 10 anos de experiencia como estudo orientado a servizos integrais en proxectos de innovación para sectores tan diversos como: mobiliario urbano, industria naval, electrodomésticos, moble e auxiliares, xoiaría, medioambiente, etc.
Proxecto de carácter non produtivo promovido pola CMVMC de A Portela en Barro coa finalidade de ampliar os espazos e os equipamentos deportivo-saudables da parroquia dotándoa de infraestructuras de uso recreativo de libre acceso, mediante varias actuacións complementarias:
- Creación de 2 espazos biosaudables: un no lugar de San Amaro, onde tamén existe unha pequeña área de lecer con mesas e fonte ó aire libre; e outro en A Estación da Portela a carón dun parque infantil existente na propia parcela que conta con muro perimetral. Cada parque saudable constará dun circuito completo de 6 aparellos de entrenamento, ademais de sinalización cun cartel sobre usos e beneficios físicos.
- Acondicionamento dunha parcela próxima á praza da igrexa de San Mamede no lugar de A Cancela para crear un parque infantil que contará con 3 torres, 2 tobogáns e 1 columpio dobre, ademais dun cartel coas recomendacións e precaucións de uso.
Proxecto de creación dunha escola hípica na parroquia de Tourón, que ofertará ademais de clases de equitación (iniciación e perfeccionamento), servizos de pupilaxe (estadía/estabulación de cabalos), campamentos hípicos e visitas escolares, clinics de salto e organización de campionatos, e paseos a cabalo para grupos.
A súa ubicación e climatoloxía específica mellora as condicións de vida dos equinos e a posibilidade de combinar a alimentación dos cabalos con heno/forraxe coa forma natural do campo nesa zona. Ademais a súa situación estratéxica, próxima a importantes núcleos urbanos, permitirá actuar sobre un amplo mercado de clientes potenciais.
Proxecto de ampliación dunha empresa de ámbito nacional adicada principalmente ao montaxe de paneis fotovoltaicos para autoconsumo industrial, ademais de prestar servizos de asesoría integral e auditoría de eficiencia enerxética e soporte para proxectos de enerxía eólica,etc que ubicará a súa nave industrial na parcela 374 do Polígono Industrial de Barro-Meis.
As novas instalacións lle permitirán unificar nun só centro de traballo as actividades do proceso produtivo completo: tarefas de cálculo, xestión, tramitación, elaboración e montaxe dos paneis fotovoltaicos, control de calidade, almacenaxe e distribución.
Trátase de realizar un programa formativo, baixo a metodoloxía de formación-acción, que teña unha dobre finalidade:
Polo tanto, os principais obxectivos xerais do programa formativo centraranse en:
A proposta de contidos didácticos para cada unhas das accións formativas a desenvolver durante o periodo contemplado son:
Tentarase fornecer ó sector cun modelo de traballo que lles permita realizar unha autodiagnose da súa situación actual, co obxectivo de definir as súas prioridades estratéxicas, baseándose nun modelo formativo participativo. Deste xeito irase conformando un grupo dinamizador que coordinará a posta en marcha do proxecto, definindo os seus obxectivos estratéxicos e medidas de acción a desenvolver. Traballarase a dimensión económica e produtiva dende o punto de vista vitícola, pero tamén as potencialidades para a xeración de actividades vinculadas ó mundo do viño e da viña.
Abordará unha proposta para organizar e reforzar o traballo en grupo dos axentes económicos asociados ás cadeas de valor que artellan a producción vitivinícola, así como aos axentes sociais e institucionais que vertebran o territorio. Esta acción formativa reforzará a dinámica de traballo en grupo, mediante a aplicación de metodoloxías participativas, para aflorar as sinerxías de crear estruturas colaborativas que proporcionen economías de escala,faciliten a organización e xestión,etc.
<olstart="3">
As actividades formativas buscarán reforzar a formación técnica dos distintos actores que participan no sector. Esta formación estruturarase mediante a realización de accións formativas específicas Teórico-Prácticas do ámbito da viticultura.
O Concello da Lama proxecta a posta en marcha dunha aula de informática e de lectura no rural que permita dar servizo e cobertura nun centro de uso comunitario e público, posibilitando o acceso dos veciños á sociedade da información con conexión de balde a internet como recurso para a alfabetización informática, fomento da lectura, consultas, apoio á formación, desenvolvemento cultural, etc.
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle dende este mércores o primeiro curso do programa formativo Xestión Agroforestal Sustentable 2019 dedicado a horticultura ecolóxica que organiza o GDR Pontevedra Morrazo e que se desenvolverá ao longo do mes de maio e xuño.
Tralo éxito do ano anterior, a nova proposta formativa do GDR que conta con máis de 30 inscritos abordará ao longo das 54 horas lectivas do programa os fundamentos da horticultura e gandería ecolóxica, a xestión sustentable do monte e producións alternativas así como un curso transversal dedicado á comercialización, responsabilidade social e innovación dentro do sector ecolóxico.
Os cursos contemplados do programa formativo, que son totalmente gratuítos para os seus participantes, inclúen visitas temáticas de traballo, e serán impartidos e dirixidos por persoal técnico, con coñecemento específico da materia e experiencia en labores formativas e de traballo en grupo.
Lembremos que esta acción formativa xurde no marco da medida Leader do PDR de Galicia 2014-2020 do GDR Pontevedra Morrazo para desenvolver no territorio reforzando e mellorando as prácticas sostibles dos sectores agrogandeiro e forestal.
O programa ten polo tanto, unha dobre finalidade:
Para isto, o programa formativo centrarase en:
Nesta edición de 2019, a proposta de contidos didácticos para cada unhas das accións formativas a desenvolver baixo a metodoloxía de “formación-acción” serán os seguintes:
Apicultura ecolóxica:
Ovino e caprino ecolóxico:
Porcino ecolóxico:
O castiñeiro
Micoloxía como alternativa produtiva forestal
Os participantes no programa formativo "Profesionalización e desenvolvemento da viticultura na IXP Ribeiras do Morrazo (2019)", no marco de cooperación entre as IXP de viños de Galicia, tiveron ocasión de realizar unha visita de estudo á IXP Val do Miño.
Nesta xornada coñeceron a finca e adega de Terras Mancas, unha das poucas adegas que na actualidade elaboran viño baixo o selo da IXP Val do Miño. Os socios ensinaron o viñedo e as instalacións, e explicaron aos asistentes tanto o proceso de constitución do seu proxecto, como as súas dificultades, o presente e os proxectos de futuro.
Ademais, nesa mesma xornada, realizouse unha visita de estudo ao proxecto colaborativo: Solaina Minei. As Bouzas – Macendo (Castrelo de Miño). Un proxecto colaborativo dos veciños do lugar de As Bouzas, situado na D.O. Ribeiro, que baixo a fórmula dunha SL, pero traballando conxuntamente, crearon no 2008 O Polígono Agrario da Asociación "As Bouzas", un proxecto de produción vitivinícola. Actualmente son 54 socios, todos eles viticultores ou fillos de viticultores, que antes de que as viñas quedasen ermas; xuntáronse para facer realidade o proxecto.
O obxecto social da SL foi redactado de xeito máis amplo que o vitivinícola sendo parte do mesmo a producción, transformación e comercialización de produtos agrícolas, gandeiros e forestais, e atender a calquera fin ou servizo que sexa propio ou estea directamente relacionado con estas actividades, en particular, coa explotación da madeira.
Na actualidade xa empezaron a elaborar o seu propio viño baixo a marca “9 queipos”, aínda que a maior parte da uva é vendida a terceiros.
Representantes dos socios ensinaron o viñedo e as instalacións, e explicaron aos asistentes todo o camiño levado a cabo dende a súa constitución.
Agradecer a todos a atención dispensada, así como a súa colaboración na xornada explicando os elementos esenciais das súas iniciativas e a posterior visita guiada ás instalacións.
O venres 12 de abril, no marco do programa formativo Profesionalización e desenvolvemento da viticultura na IXP Ribeiras do Morrazo (2019) que este GDR está a desenvolver, celebrouse na Casa do pobo de Beluso, en Bueu, unha sesión formativa centrada no emprendemento cooperativo na que diversos poñentes falaron da creación de iniciativas empresariais vitivinícolas e na que se analizaron distintas fórmulas colaborativas de traballo organizativo e produtivo.
Na mesma contouse coa participación dos seguintes expertos na materia:
Tamén se organizou unha mesa redonda na que participaron os seguintes relatores:
Dende o luns 1 de abril estarán abertas as listas para inscribirse nos cursos do programa formativo “XESTIÓN AGROFORESTAL SUSTENTABLE (2019)” que celebrará o GDR Pontevedra Morrazo os meses de maio e xuño.
O Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo, no marco da medida Leader 2014-2020, deseñou o programa formativo “XESTIÓN AGROFORESTAL SUSTENTABLE (2019)” de 54 horas lectivas baixo a metodoloxía de formación-acción, que ten unha dobre finalidade:
A proposta de contidos didácticos para cada unhas das accións formativas a desenvolver durante os meses de maio e xuño son:
Os cursos contemplados no plan formativo son totalmente gratuítos para os seus participantes. O criterio de admisión establecerase por orde de inscrición, ata cubrir o número de prazas existentes.
Os cursos, que inclúen visitas temáticas de traballo, serán impartidos e dirixidos por persoal técnico, con coñecemento específico da materia e experiencia en labores formativas e de traballo en grupo.
Inscrición gratuíta no telefono de contacto 986 108 144 ou a través do correo electrónico Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.
O prazo de presentación das solicitudes de axuda para a primeira proposta anual de selección de proxectos da anualidade 2019/20 rematará o 31 de marzo de 2019.
De acordo coa Lei 39/2015 do procedemento administrativo, ao ser este un día inhábil, a data de fin de prazo enténdese prorrogada ao día hábil seguinte, neste caso, o luns 01 de abril de 2019.
Así mesmo, lembramos que o prazo máximo para as persoas (físicas ou xurídicas) que presenten as solicitudes a través da sede electrónica (https://sede.xunta.gal) rematará o 1 de abril ás 23:59 minutos e 59 segundos. Nos concellos nos que o día 01 de abril de 2019 sexa festivo local e teñan a presentación electrónica rematará o día 02 de abril ás 23:59 minutos e 59 segundos.
As solicitudes que consten rexistradas en SEDE ás 00:00 horas ou posterior non son admisibles por estar presentadas fóra de prazo.
En relación ás solicitudes presentadas de xeito presencial polas persoas físicas (non obrigadas á presentación electrónica) na sede do GDR o prazo rematará o 1 de abril ás 14.00 h. (se é nun rexistro público: ás 14.00 h. e se se presentara nunha oficina de correos á hora de peche desa oficina).
Nota: No hipotético caso de que o sistema informático da SEDE electrónica falle o último día de presentación de solicitudes e persoas xurídicas obrigadas á presentación electrónica decidan presentar a solicitude en papel no rexistro do GDR, unicamente se considerarán válidas esas solicitudes nos supostos nos que resulte acreditado o fallo do sistema informático (apertura dun número de incidencia no teléfono 012, por exemplo).
Máis información:
Este venres 22 de marzo botou a andar nas instalacións da biblioteca de Beluso do concello de Bueu unha nova edición do programa formativo “PROFESIONALIZACIÓN E DESENVOLVEMENTO DA VITICULTURA NA IXP RIBEIRAS DO MORRAZO (2019)” de 71 horas lectivas organizado polo GDR Pontevedra Morrazo.
Dende 2017, o Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo, que xestiona a medida Leader 2014-2020, está a desenvolver un programa formativo para a profesionalización e desenvolvemento da viticultura na indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo.
Nos anos 2017 e 2018 realizáronse accións formativas diversas orientadas a reforzar o empoderamento do sector de viticultores e adegueiros da zona comprendida na IXP Ribeiras do Morrazo, así como a súa profesionalización e capacitación técnica, fortalecendo deste xeito á propia figura ou selo de protección da calidade.
Nesta anualidade 2019, preténdese continuar a formación cunha proposta que afonda na sustentabilidade e boas prácticas na viticultura e enoloxía, con referencias a modelos de viticultura integrada e/ ou ecolóxica e explorando actuacións de carácter colaborativo entre as propias IXP de viño de Galicia e de funcionamento cooperativo.
Obxectivos do proxecto
O programa formativo pretende dinamizar o sector vitivinícola, potenciando os seus coñecementos e o traballo en conxunto en torno ao que este selo de calidade supón.
O programa realizarase dende o mes de marzo ata o de xuño, en diferentes localidades do territorio da IXP.
Esta proposta de traballo basease nunha metodoloxía de formación-acción, que ten como obxectivo fundamental o de realizar un programa formativo de carácter práctico, que impulse a participación activa dos axentes implicados no desenvolvemento e articulación da citada indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo.
Os principais obxectivos que persegue o programa formativo 2019 son:
O contido temático desta primeira sesión formativa foi de carácter introdutorio e versou sobre as boas prácticas, a responsabilidade social e a sustentabilidade na vitivinicultura e os aspectos normativos para a xestión da viña e a adega, controis, etc. dentro da IXP.
En total serán 16 accións formativas, trece delas no propio ámbito da IXP e tres visitas temáticas fóra do territorio da IXP.
O meu soño era ter unha escola hípica: encántanme os nenos e os cabalos
Carlos Blanco é xinete de saltos profesional que lidou en multitude de campionatos, que chegou a competir en citas internacionais, incluso participou nunha Copa do Mundo. Con dezasete anos tivo un grave accidente que lle dificultou seguir na senda competitiva. Na ensinanza ecuestre para nenos, encontrou un futuro no que seguir ligado a súa paixón, os cabalos, e co mundo infantil, no cal se fai entender moi ben.
Para Carlos os cabalos representan unha paixón infantil e un estilo de vida.
Tanto Carlos como Sandra (que se encarga da xestión da escola) xa contaban con experiencia neste ámbito, pero sempre tiveron a ilusión de crear a súa hípica. Agora con este proxecto poden despregar toda a súa creatividade e construír unhas instalacións acordes a súa forma de entender a ensinanza ecuestre.
Para este emprendedor é esencial empezar unha empresa dende abaixo. Carlos, ademais de dedicarse á competición, estivo nun centro de alto rendemento de hípica en Vigo e foi alí onde tivo a súa primeira experiencia con nenos. Máis tarde formouse como Graduado Laboral, pero sempre coa cabeza posta en dedicarse aos cabalos e a ensinanza da hípica.
“O proxecto o tiña na cabeza dende que empecei a montar a cabalo porque eu tiven que ir fóra de Pontevedra a facelo. Ao final quería volver e montar unha escola de equitación para nenos. Gústanme moito os rapaces dende sempre, coidalos, métome moito na súa cabeza”.
A ambición de Carlos é que o seu centro chegue a ser un clube de referencia como escola de hípica para nenos de 4 a 16 anos, onde tamén lle gustaría traballar con pais e nenos conxuntamente. As clases son de tarde como actividade extraescolar. En vacacións escolares teñen campamentos de mañá. O período mais forte da actividade da hípica é durante o período escolar.
A filosofía do centro de hípica Atlántico é o coidado e respecto polos seus cabalos. Que estean en liberdade e non en lugares pechados é esencial para eles. O cabalo ten que estar ben tratado, tendo en conta as súas necesidades; se é así o animal se convirte en algo máis que nun obxecto de monta, realmente, como din, é un psicólogo para os nenos onde o trote estimula o sistema nervioso dos rapaces.
Nós somos amantes dos cabalos, aquí non sofren e cremos que os valores que aporta a hípica son importantes para a vida. Pensamos que con esforzo e traballo todo se pode conseguir”.
O centro ecuestre Atlántico abriuse en 2018 en terreos alugados á Comunidade de Montes en Man Común de Ponte Caldelas, contando pois, cun grande espazo natural para o desenvolvemento da súa actividade.
Conta cunhas instalacións moi modernas e accesibles e cun deseño moi cálido onde a madeira sempre está presente, “como debe ser unha hípica, non unhas naves de aparencia industrial”.
Ademais, conta cun amplo aparcadoiro (porque tamén organizan eventos –“todo menos vodas”- apto para recibir camións de catering e carpas de pulpeiros), almacén para a ferramenta e apeiros, dúas impresionantes pistas de geolastic, que cando se mollan, a superficie faise elástica (unha grande no exterior e outra un pouco máis reducida cuberta) e non sofren as articulacións dos cabalos cando saltan.
Conta tamén, obviamente, coas cuadras necesarias para os vinte equinos dos que dispoñen, con duchas de auga quente (de placas solares) para os cabalos, unha ampla e cálida sala de espera para os pais con servizos diversos, e a oficina, que ademais na parte traseira fai de estancia ocasional para os donos.
O enfoque da escola é realizar unha actividade formativa, neste caso utilizando cabalos e contando coa implicación dos pais. Non buscan ter moitos alumnos/as senón agrupalos correctamente, facer as cousas ben buscando sempre un horizonte de formación integral na que sexa tan importante dominar a técnica de montar, o respecto polos animais, como a orde no guadarnés: as cousas ben feitas ben parecen, págase por montar e os rapaces aprenden tamén a ser ordenados e coidadosos.
Para o ano próximo queren facer convenios con centros de ensino da provincia para facilitar que os nenos que queiran poidan ir a aprender alí.
Nós entendemos a hípica como unha actividade non elitista. Tampouco ten porque ser cara, máis ben cremos que é un fermoso deporte no que o rapaz e mais o cabalo forman un equipo –ou sexa que non é un deporte individual- e que leva implícito unha serie de valores moi interesante e importantes para a formación dos máis pequenos. Non todo vai ser fútbol…!
A proximidade de Pontevedra, a escasos 20 minutos, é unha fortaleza da súa empresa. En Ponte Caldelas síntense acollidos e pretenden facer un pack xunto cos establecementos turísticos da localidade de cara o ofertar a escola como atractivo turístico para as familias que teñan nenos e nenas.
Carlos non quere deixar pasar a ocasión para recoñecer a axuda do seu sogro e sobre todo da do seu pai que con grande afán os apoian, a él e a Sandra, e axudan en múltiples tarefas tanto na posta a punto das instalacións como na xestión. El foi quen se informou e xestionou a axuda do GDR sen a cal, indica Carlos, non sería posible este proxecto.
O proxecto da hípica Atlántico representa un grande atractivo para un concello como Ponte Caldelas xa que aparte do emprego que xera (de momento o encargado do coidado diario dos cabalos é un empregado da localidade co cal están moi contentos), o pon no mapa dos eventos ecuestres en Galicia.
Tamén hai que resaltar o esforzo deste concello para facilitar o desempeño de empresas como esta contratando a liña wifi Aurea para que os seus veciños poidan ter un acceso a internet de altas prestacións.
Carlos e Sandra séntense moi satisfeitos co realizado pero son conscientes do traballo que queda por diante:
Ter o teu propio negocio dáche quebradoiros de cabeza pero é moi bonito.
Salinas do Ulló: un patrimonio e un espazo singular no concello de Vilaboa
As salinas do Ulló son unha xoia do noso patrimonio etnográfico e cultural, situada nun marabilloso enclave pertencente á Rede Natura da Ensinada de San Simón, na parroquia de Paredes, concello de Vilaboa. Estas salinas datan do século XVII e representan un conxunto único na nosa comunidade autónoma. Ademais do propio sistema salinífero conta cun muíño de mareas, e un conxunto de casas que se dedicaban a diversos usos relacionados coa explotación do sal. E ten un fermoso e longo paseo que as arrodea.
Moito do recoñecemento, divulgación e medios de acceso que agora teñen as salinas son obra da Asociación Cultural Salinas do Ulló. Esta asociación leva vinte anos loitando por este lugar, por dalo a coñecer, por mellorar as súas prestacións. Este ano, un grupo pertencente á asociación, conformou unha Comunidade de Propietarios –neste momento composta por 7 persoas- co fin de poñer en marcha un proxecto de turismo e educación ambiental nesta zona. Para cumprir este fin, Rosa Ana Ríos decidiu solicitar unha axuda ao GDR Pontevedra-Morrazo.
Grazas ao traballo e esforzo desta asociación en 2004 Costas investiu un millón de euros para facer e acondicionar tramos de paseo que arrodean as salinas; e no 2007 levouse adiante un proxecto PRODER para a recuperación da ruta das salinas.
“Temos a Asociación Cultural Salinas do Ulló desde fai 20 anos e todo ese tempo estivemos traballando en diversos proxectos e iniciativas para recuperar as salinas e poñelas en valor. Nos últimos cinco anos conseguimos 5 km de sendas para paseo: é un lugar idóneo para isto. Para nos é como se fora un fillo, levamos moitos anos con isto”
O proxecto que presenta Rosa Ana ao GDR representa unha combinación entre educación ambiental e turismo de natureza, contando co privilexiado entorno e dúas casas axeitadas para este fin.
Coméntannos Rosana e Alberto, promotora deste proxecto e o seu marido, que pouco a pouco foi vindo xente, moitos xa son asiduos, e cada vez hai máis interese por este espazo tan singular. Todo isto, xunto coa boa conexión da zona cos centros urbanos próximos e ás zonas de praia do Morrazo, outórganlle ás salinas un atractivo moi importante. Tanto é así que hai demanda por parte de colexios, colectividades, familias e público en xeral por visitar e coñecer o lugar. Esta demanda non era atendida por ninguén, salvo pola voluntariedade da Asociación Salinas. Esta circunstancia é o xerme deste proxecto.
“Hai unha necesidade evidente de servizos para a demanda de visitas que hai na zona. Escoitamos as necesidades da xente. Sabemos que nalgúns sitios as aulas de natureza non funcionaron por iso queremos facer un proxecto integrativo que dinamice toda a zona de salinas. O concello de Vilaboa ten poucos recursos así que pensamos que a iniciativa cívica e cidadá tamén pode ser unha alternativa”
Esta iniciativa quere ser un proxecto produtivo que se sustente economicamente, non se buscan beneficios senón o desempeño dun labor de concienciación e posta en valor do espazo Salinas do Ulló que poida xerar uns postos de traballo e unha dinámica de coidado da zona. Unha persoa da comunidade de propietarios dos terreos necesarios para desenvolver o proxecto é monitora de tempo libre e se encargará das actividades da aula de natureza e das visitas e interpretación do lugar. Logo as casas doutros socios serán quen de acoller a un turismo de natureza.
“Hoxe en día hai empresas que fan o labor de ensinar o noso patrimonio. Nós, que levamos loitando por el vinte anos, tamén o podemos facer e incluír outros servizos que a xente demanda, especialmente a xente maior que pide lugares onde comer ou aloxarse para pasar uns días. Nós optamos polo que se da en chamar turismo habitacional. Algúns dos nosos socios son persoas formadas en distintas disciplinas que poden completar unha oferta moi interesante para os nosos visitantes.”
Rosana e Alberto consideran que dende as asociacións, que coñecen o territorio e están sensibilizados con el, se poden facer moitas cousas. Cren, así mesmo, que as agrupacións de persoas son un elemento que pode contribuír a mellorar os pobos, o seu coidado medioambiental e a conectalos cunha contorna máis ampla:
“As Salinas do Ulló son un grande atractivo para a comarca, representan unha alternativa ao turismo de sol e praia. O seu coidado implica ter en conta moitas cousas: a calidade da auga, as infraestruturas, a recuperación de inmobles pouco utilizados, os servizos e a creación de emprego”.
As persoas que inician este proxecto son grandes coñecedoras da contorna. Militantes e activistas en pro das salinas do Ulló. Ademais o seu modo de pensar con perspectiva os leva a entender a importancia de ligar todo isto cunha mobilidade alternativa que lle facilite as cousas as persoas que queiran visitalos. Por este motivo están no proxecto Vía Verde que vai unir Pontevedra con Vilaboa.
Tamén queren facer mención ao papel tan importante que tiveron as persoas que cederon terreos para poder facer todo o paseo. Por outra banda din que as veces a administración local non é todo o áxil que debería á hora de facilitar que estes proxectos vaian para adiante, o que fai que todo leve un grande esforzo.
“Houbo 16 propietarios que cederon para facer o paseo; é mérito do concelleiro de medioambiente de Vilaboa que neste caso é unha persoa moi implicada e iso é moi importante”.
Este proxecto ten un marcado carácter vocacional por parte dos seus promotores, que din representa un pracer compartilo e cren que ten vocación de futuro porque as novas xeracións serán moito máis sensibles co tema medioambiental.
“Sacar os proxecto adiante é moi complicado, requírese moito traballo e tesón, pero cremos que as cousas se poden mellorar e que temos unha riqueza nas nosas mans que canto menos debemos de agradecer e coidar”
Sen dúbida este proxecto é un claro exemplo de materialización da Responsabilidade Social Corporativa toda vez que afecta de xeito positivo a unha multiplicidades de axentes, amais de ser un legado para as xeracións futuras, e sen esquecer que é no presente un elemento importante na calidade de vida das persoas da comarca.