Para min é esencial a confianza e o respecto dos clientes

João Rocha, naceu en Salvador de Bahía (Brasil) e con 18 anos chegou a Pontevedra co afán de dedicarse ao fútbol profesional. Adestrábase pola tarde-noite e, un bo día, a persoa que se encargou de traelo ofreceulle estar nun obradoiro de pastelería-panadería para ocupar un pouco as horas do día.

No ano 2000 cheguei aquí buscando un soño, ser futbolista. Estiven xogando na 3ª división. Aos dous anos trouxen a miña familia: meus país e dous irmáns”

O conto é que lle gustou o traballo na pastelería, e foi aprendendo, de xeito que agora di que as súas dúas grandes paixóns son o fútbol e a pastelería. Foi aprendendo, formándose até que puxo en marcha O forno de Lana, en memoria da súa irmá, que se chamaba Lana, que acabou finando no 2013. Lana tivo unha grande influencia en João xa que era unha persoa moi especial, cun grande sentido da solidariedade e moi preocupada porque a alimentación fora natural e artesán.

A miña irmá sempre foi naturalista e dáballe moita importancia ao que comemos e á vida que levamos. Era unha persoa moi positiva. Dicíame que cando montaramos o obradoiro o fixeramos orientado ao natural, á pastelaría e panadería artesá. Estaba tamén moi preocupada polo que comen os cativos e a xente nova. Todo isto me sensibilizou moito e intento seguir os seus consellos porque a sentimos moito con nós”

O obradoiro de João está no concello de Cerdedo-Cotobade, nun local que antes fora restaurante vexetariano rexentado pola súa muller, Sonia. Ao quedar sen actividade o reconverteron en obradoiro de pastelería e panadería. Non ten despacho xa que o seu negocio vende, fundamentalmente, a establecementos de restauración e despachos que non teñen forno.

Gustaríme ter un espazo para facer vegano, outro para diabéticos, pero teño que pensar tamén no retorno económico, e isto aínda non hai moita xente que o necesite.

João e o seu irmán son os que xestionan a empresa e con esforzo e dedicación están logrando produtos que teñen unha excelente saída. Van pouco a pouco; de feito lle costou tres anos decidirse a solicitar a axuda do GDR. Comezaron de cero, pero João é unha persoa loitadora e competitiva que indo polas portas é quen de abrirse camiño. El ofrece o seu produto, o da a degustar aos futuros clientes, se lles gusta, encárganlle e fai. Tamén elabora a demanda produtos específicos para quen llo solicite.

Eu vou aos establecementos e vexo a proposta que teñen para os seus clientes, e vexo se o que eu podo ofrecer encaixa. Elaboro o produto e doullo a degustar. Se lle gusta, seguimos. Agora mesmo sirvo a 23 clientes tódolos días.”

 

Un dos seus produtos estrela son as empanadillas brasileiras feitas de forma totalmente artesanal e con ingredientes de máxima calidade. João insiste moito neste aspecto, el non busca ingredientes baratos, busca calidade para as súas elaboracións:

Non me importa gañar un pouco menos, pero non sacrifico a calidade polo marxe do produto. Se teño que gañar menos, gaño menos, pero para min é esencial a confianza e o respecto dos clientes.”

Un dos motivos polos que solicitou a axuda do GDR foi que a súa forma de traballar artesanal non lle permite elaborar máis cun número de produtos e non podía atender á demanda que tiña. Ante esta circunstancia tivo que procurar ampliar as prestacións do obradoiro e xestionar mellor os tempos de elaboración dos produtos. O soño de João sería chegar a comedores escolares e cafeterías de centros de ensino para que os rapaces tiveran outra opción de produtos para tomar.

Este emprendedor quere facer constar a enorme axuda que lle ofreceron desde o Concello de Cerdedo-Cotobade, nomeadamente José Luis, quen lle facilitou moito as cousas para poñer en marcha o obradoiro. Tamén ten palabras para as súas empregadas, que son como unha extensión da súa familia, ás que lle da moito valor.

O balance que João fai dende fai cinco anos até agora é que aínda ten moito que aprender e iso o leva a estar permanentemente formándose e facendo cursos. Segue a estar ilusionado e síntese moi arroupado pola súa familia e amigos. Tamén di estar aberto a colaborar e buscar formas de crear sinerxías con outros.

Cando cheguei do Brasil viña con 100 euros no peto. Agora traballo 15 ou 16 horas e síntome moi afortunado. Puiden construír unha vida aquí, síntome apreciado e querido e xa non me vexo vivindo en ningún outro lado”.

Di que non ten ambición, pero João é competitivo, non se pon un tope e quere chegar, como el di, até onde poida, ou até onde a vida lle deixe.

Queremos democratizar o deseño industrial

Os socios de Soluciones Conceptuales e Innovación, S.L, Antonio e Javier, son dous mozos levando adiante unha iniciativa empresarial novidosa e pioneira en Galicia: un estudo de deseño industrial; probablemente o único existente na nosa Comunidade Autónoma orientado só ao traballo que eles especificamente fan.

Non hai moito tecido industrial na nosa comunidade e a demanda dende ela aínda non é moita, por iso somos os únicos, senón, seríamos máis”.

Situado no concello de Soutomaior, acaban de instalarse nunha diáfana casa-nave onde afrontan unha tarefa nada fácil: tratar que o deseño industrial chegue ás empresas promovendo unha maior cultura do deseño no noso tecido produtivo. Este novo espazo vai permitir mellorar a execución do seu traballo en tódolos ámbitos e poder facelo, ademais, con prototipos.

A filosofía dos dous socios é democratizar o uso do deseño industrial e que todo tipo de entidades poidan ter acceso a el, sexan grandes ou pequenas. A aposta polo rural é outra das dimensións innovadoras de este estudo xa que entenden que a actual situación é un plus engadido ao seu traballo que lles permite ter unha calidade de vida que eles desexaban. O seu lema recolle a filosofía do negocio que teñen os dous socios:

Pensamos nas persoas; o centro do nosos traballo é o usuario, as persoas que van utilizar o nosos produto”

Este enfoque non é alleo ao destacado papel que ten xogado para eles a escola na que se formaron como enxeñeiros, a EUDI -Escola Universitaria de Deseño Industrial de Ferrol-, único centro da universidade pública en España dedicado exclusivamente ao deseño industrial.

Rematamos a carreira no 2004. Despois dunha viaxe de estudos a Euskadi onde observamos o que alí había no ámbito da nosa profesión o vimos claro e decidimos que queríamos montar algo como o que temos. Para nós o paso por esta Escola foi determinante, no centro animábannos moito a emprender”.

A Escola púxoos en contacto co mercado e pouco a pouco foron avanzando. Moito do seu traballo lle chega por recomendación, aínda así fan un intenso traballo comercial.

Dende o principio tiveron claro que querían ser autónomos e iniciaron a súa aventura empresarial. No mesmo ano no que remataron os seus estudos botaron a andar a súa iniciativa para o cal contaron co apoio dun viveiro de empresas en Ferrol. Corría o ano 2005 cando se trasladaron a Pontevedra.

Estábamos nunhas oficinas en Pontevedra, aínda que o pasamos mal durante a crise, fomos a máis nos derradeiros anos”

 

Fan un balance satisfactorio do feito até chegar aquí. Destacan o valor do equipo interdisciplinar que os acompaña na travesía: deseñadores gráficos, enxeñeiros, persoal de administración. O ambiente da empresa é espectacular e moderno; non hai divisións nin despachos e respírase un ambiente de actividade, comunicación e creatividade.

Para traballar coa nosa orientación é necesario un equipo interdisciplinar moi integrado; senón fora así non tiñamos remontado a crise. Agora somos entre 8 e 10 persoas no estudo”.

A demanda dos produtos que deseñan acostuman vir pola vía da oferta, é dicir, visitan potenciais clientes e tratan de que entendan as oportunidade que ten o deseño para innovar e mellorar os produtos das súas empresas. Traballan con todo tipo de empresas: grandes e pequenas, de fóra ou locais.

Nestes momentos, o deseño de contedores (de superficie e soterrados) representa unha boa parte da súa facturación. Estes produtos deseñados para unha empresa de Ourense están competindo nos concursos públicos con multinacionais de contedores de lixo. Outro dos seus produtos estrela é un modelo de radiador (para unha empresa de Viveiro) que neste momento é capaz de competir con produtos de orixe asiática e distribuírse en mercados tan esixentes como o británico.

Para que vexades como funciona este tema: no caso da empresa de Viveiro, tes que ir empuxando para que se produzan as cousas. Levamos anos colaborando con eles pero tivemos que facer un labor de convencemento. Insistir en que si se podía facer, até que se decidiron”.

Como enxeñeiros técnicos en deseño industrial o que pretenden é resolver problemas que poidan ter ás empresas cara a mellorar os seus produtos: “menos moda deseñamos de todo, incluso xoias”.

O deseño acostuma asociarse á estética, pero Antonio e Javier se esforzan en facer entender que o deseño forma parte da innovación, que axuda a resolver problemas, a mellorar produtos e prestacións e que non resulta tan caro como pode parecer. Tamén din que “é difícil facerse entender no noso contexto cultural; non hai tradición nin se sabe ver as oportunidades que se xeran cando ti incorporas o deseño como elemento de innovación aos teus produtos”. Por ese motivo hai que empregarse a fondo na tarefa comercial e facer as propostas de xeito adecuado e comprensivo.

Queremos estar desde o principio e participar en tódalas fases para o logro do éxito do produto. Nos comprometemos e implicamos moito cós proxectos; non queremos executar o noso traballo de forma banal”.

Para Soluciones Conceptuales e Innovación S.L a axuda do GDR Pontevedra-Morrazo foi moi importante e fan unha valoración moi positiva de todo o proceso de solicitude da axuda.

A empresa galega está mellorando exponencialmente

Juan José Barreiro Canabal comezou en Electro Gálvez como empregado despois de ter estudado Formación Profesional. Hai 21 anos se fixo coa empresa toda vez que o anterior dono non podía xa facerse cargo dela.

Esta empresa, situada no polígono industrial do Campiño, dedícase á automatización e venda de motores redutores e transmisores de potencia sempre ligados a dar soporte ao produto. Por este motivo teñen incorporados enxeñeiros no seu cadro de persoal co fin de dar resposta ás necesidades específicas dos clientes.

Temos poucas referencias, pero iso nos permite facer un traballo máis específico, máis centrado e dar un servizo de moita calidade”

Os produtos que venden son utilizados nunha multiplicidade de maquinismos: cintas transportadoras para canteiras, en conserveiras, empresa fariñeiras, en granxas de cría de animais, lavadoras industriais, etc. O seu nicho de negocio está no sector industrial, non no doméstico.

Hai mais empresas deste tipo en Galicia pero levan moitas máis referencias de produto: “temos unha especialización máis marcada que a competencia”. Este enfoque fai que Juan José teña que facer un especial esforzo de abarcar amplas zonas de territorio e nestes momentos vende en toda España e Portugal, este último é un mercado en auxe para eles.

Neste negocio sole haber oscilacións de demanda, dependendo tamén da conxuntura económica. Sen embargo, en Electro Gálvez tratan de coidarse destes efectos gracias a un claro e comprometido plan estratéxico que os orienta a saber onde queren ir, come conseguilo e onde investir.

Hai competencia pero hai que moverse: se das a talla saes adiante”

Agora buscan comerciais para facer unha das tarefas que Juan José realiza e que lle resta moito tempo do traballo na central da empresa. Un destes traballos é encontrar bos provedores tanto nacionais como internacionais que lle ofrezan os mellores compoñentes.

Nós somos como Citröen, eles desenvolven o coche, o montan, pero non fabrican o que leva o coche. Nos compramos compoñentes e montamos o produto, que gracias ao noso departamento de enxeñería, podemos personalizar e dar soporte. Damos servizo para que a xente a súa vez poida producir e ofrecer aos seus clientes un produto diferente, porque a xente quere cousas diferentes e útiles”

Esta é unha tendencia xeral. A xente sabe o que necesita ou se lle axuda a definir o que necesita, Electro Gálvez o monta co enfoque que o cliente desexe.

Un dos aspectos máis interesantes deste traballo, segundo Juan José, é que che permite aportar solucións, afrontar retos. O cliente non compra un motor senón un motor que busca solucionar unha demanda ou un proxecto que quere levar a cabo, e iso che permite que o teu produto teña un valor engadido baseado na personalización do mesmo. Se trata, segundo Juan José, de pasar de ter un produto comprado e vendelo a dar un produto personalizado cun valor engadido. O servizo vai incorporado sempre e en todo momento aos seu produtos.

Nós damos luz á máquina e seguimos os seus pasos. As prestacións personalizadas é o noso obxectivo”.

Agora, di, contamos cun tecido industrial galego que vai mellorando exponencialmente. Tanto é así, que levan anos colaborando cunha empresa de software moi boa: “antes estes traballos facíanos os cataláns e agora incluso lle quitamos aos vascos a industria naval”. Segundo Juan José, o que temos que empezar a facer ben é “a caixa e o laciño” aos nosos produtos, é dicir, temos que aprender a vendelos ben. Agora están tentando facer isto e para iso cren que lle vai a axudar o feito de ter un código ético que promocionan dende a súa web.

Se aprende probando e fallando, con esforzo e diñeiro tiras para adiante.

Sería moi importante que nas escolas e facultades os alumnos tiveran máis contacto coas empresas e co mundo do traballo que os faga ver a realidade e desa maneira sacarlle máis proveito aos estudos”.

As axudas do GDR coñecéronas por casualidade xa que non pensaron nunca que poderían ser obxecto de atención por parte desta entidade. Ao final os proxectos acostuman diferir da realidade pero é unha axuda moi benvida.

Unha cuestión importante para Electro Gálvez é a matriz organizacional da empresa, ir mais alá do lío do día a día e non perder a perspectiva de a onde se quere chegar. Unha parte importante da empresa é a comunicación cos seu empregados e colaboradores.

Os venres pola tarde organizamos unha reflexión na empresa co persoal. Iso é moi importante para todos xa que así tratamos de mellorar e aumentar a confianza e o compromiso na empresa. Penso que o principal capital que ten unha empresa é o seu persoal.

Dende Electro Gálvez están tamén moi interesados en seguir un Plan de Responsabilidade Social Corporativa xa que para eles sería unha axuda cara a ofrecer información transparente da súa empresa e unha forma de establecer unha escoita máis activa cos seus grupos de interese. Isto quizáis podería dar forma a esa caixa e laciño ao que facía alusión antes.

Somos un equipo cun proxecto ilusionante

Todo comeza cando entra unha nova xunta reitora na Comunidade de Monte Veciñais en Man Común (CMVMC) na parroquia de Salcedo (Pontevedra) en 2009. Unha particularidade dos montes de Salcedo é que neles está instalada a BRILAT, a brigada aerotransportable do exército, ocupando unhas 60 hectáreas. Ese ano os veciños inician un proceso de reivindicación e loita contra unha Orde ministerial de Defensa (época de Carmen Chacón) na que se pretendía impoñer unha nova franxa de seguridade por parte dos militares, afectando a 300 casas dos veciños de Salcedo.

Unha desas casas era a de Fernando Pintos Pereira que nese ano saíu elixido presidente da CCMVMC. Con anterioridade tentara participar na organización veciñal, pero non foi posible. Fernando é persoa seria con antecedentes de sindicalista e profunda conciencia social. Falamos con el pero en todo momento fai fincapé en que “somos un equipo de 14 persoas comprometidas, activas e responsables, unha grande sorte”, comenta.

Os montes de Salcedo estaban cedidos ao concello de Pontevedra dende o ano 1965, pero cando chegou a Orde ministerial o concello non actuou; esta circunstancia foi o detonante para que dende a CMVMC organizaran unha plataforma veciñal para que se atenderan as súas reivindicacións. A reclamación xudicial para recuperar o monte a gañaron en 2011. A sentencia foi firme e sentou precedente no xulgado de Pontevedra e no Tribunal Supremo. Nesta teima tamén estivemos acompañados polas comunidade de montes de Figueirido, Vilaboa e San Xulián.

Ao final fomos a Madrid e firmamos un convenio cos militares e conseguimos que nos ingresaran un canon anual importante, durante 70 anos, por ter as instalacións nos nosos montes ”

Unha vez gañado de novo o monte, e cos recursos económicos dispoñibles, nos plantexamos que facer para coidalo e poñelo en valor. A filosofía de traballo é ir cara a unha multifuncionalidade do monte e a creación dunha conciencia medioambiental e cultural ligado a el”

O primeiro que fixeron foi restaurar a orografía do terreo, eliminar a maior parte das especies invasores, algunha delas froito de experimentos de Lourizán anos atrás, e retirar os vertidos. A continuación pasaron a un plan de reforestación con frondosas, limpeza de camiños e creación de corta lumes, “plantamos 40.000 árbores, deles 8.000 foron castiñeiros”.

O monte estaba moi afectado polos movemento de terras que fixeran os militares, había vertidos incontrolados, daba pena velo. Era un monte aniquilado polas manobras militares”.

O monte xa non ten na actualidade os usos que tivo antigamente por parte dos habitantes do rural de tal xeito que a xente deulle as costas e entrou no esquecemento. Ao meso tempo, cos cambios nos estilos de vida, a xente das vilas tivo necesidade de sitios de espallamento. Coa idea de ligar á xente da parroquia de novo co monte e a súa posta en valor se prepararon corredoiras e zonas de lecer, así como tres fontes de auga potable, asentos, mesas, etc..

Despois viu o momento de atender ao patrimonio e así recuperamos muíños, o monte do Castro onde unha das cabanas se consolidou, os petróglifos… Se procurou que os veciños se concienciaran do valor do patrimonio e se sentiran identificados. Con este motivo se organiza unha saída anual ao monte onde lles explican aos veciños o que hai.

Facemos todos os anos unha xornada explicativa sobre o monte, o patrimonio que hai nel. Convidamos a arqueólogos, antropólogos, xuristas e logo facemos unha xornada na casa da CMVMC; logo da saída, recibimos suxestións da xente. Antes viña mais xente de fóra que da parroquia, agora xa é ao revés”

E continúa:

Un monte como o noso non pode ser solo para explotación forestal, nós queremos darlle a volta á xestión forestal tal e como a teñen concibida a maioría das entidades. Para nós o monte ten que ser multifuncional e ademais de ter un aproveitamento económico, teno que ter social e por suposto ser motivo de coidado medioambiental e de protección do patrimonio”

O proxecto é pioneiro polo xeito en como se está a levar a cabo. Dende a CMVMC queren que a xente entenda o interese e o futuro que ten coidar o monte. Claro, pero a cuestión era como espertar nos veciños, sobre todo nos máis maiores, o interese do proxecto:

“Preparamos unha xornada e levámolos nun bus ao castro de San Cibrán de Lás a ver o castro e a Campo Lameiro e así a xente visualizou e descubriu que non lles estabamos contando un conto. E pasamos de que a xente da parroquia pasara olimpicamente do monte a que estea pendente del. Así é a forma de poñer en valor o noso proxecto que é o da parroquia”.

O proxecto das cabanas, polo que solicitamos a axuda ao GDR, xurde pois de ver o que se fai noutros sitios arredor destes espazos onde hai cantidade de restos arqueolóxicos. Vai consistir na reprodución dun asentamento neolítico/calcolítico de 3.146,45 metros cadrados, que contará con varias réplicas de edificacións históricas e estruturas de almacenamento e cercados para os animais. Tamén servirán de espazos multifuncionais dedicados á arqueoloxía experimental con actividades didácticas sobre a prehistoria, a antropoloxía e a educación medioambiental.

As cabanas as facemos coa idea de dar a coñecer o patrimonio arqueolóxico para que os rapaces/as e todos/as coñezan a nosa historia. Logo pretendemos construír un Centro de Interpretación como o que hai en Tourón con recursos didácticos para comprendelo e valoralo.”

Encargaron á empresa Citania o proxecto, empresa que xa traballara para a Asociación no proxecto dos sete camiños (ruta que recorre Lourizán, Salcedo e San Xulián), pioneiro en rutas de petróglifos.

O monte estaba sendo usado por bicis así que prepararon as pistas para que a xente puidera ir por elas sen alterar outras zonas do monte. Hai un club ciclista que tódolos anos organiza unha volta ciclista polos montes de Salcedo á que veñen entre nenos e familiares sobre unhas 1.000 persoas e que “da gusto velo”, di Fernando.

Desde esta entidade teñen especial preocupación polos nenos e mozos e están apoiando todas aquelas ideas que impliquen aos rapaces cos montes da parroquia. De feito todos los anos teñen uns cartos destinados a subvencionar a asociacións que despreguen a súa actividade con actividades para nenos en Salcedo.

Colaboramos con todas as entidades da parroquia que se aproximan a nós. Cada ano damos un 5% dos ingresos da CMVMC para que as actividades que se fagan aquí. Este ano a solicitaron 11 entidades.”

No futuro queren, en colaboración co concello, facer instalacións máis ambiciosas tanto no deportivo como no cultural. Os concellos, di, necesitan da participación das parroquias.

Aquí ten vido xente de varias artes de España. É unha referencia no que se refire a restos arqueolóxicos. A raíz disto activouse o contacto do Concello coa nosa asociación.”

Así por todo isto consideran que a subvención que solicitan ao GDR ten todo o sentido xa que supón crear un espazo para veciños e visitantes, coidar o patrimonio natural, histórico-cultural e social. Supón ademais, unha manifestación práctica de como as entidades sen fin de lucro poden ter no seu ADN a Responsabilidade Social Corporativa ao pensar non soamente nelas senón na repercusión que teñen sobre a súa contorna máis inmediata.

Fernando Pintos Pereira

Presidente da CMVMC de Salcedo. Parroquia de Pontevedra

 

 

Para ter futuro hai que coidar o noso expertise agrario

Ruth Gundín Villar é enxeñeira agrónoma e paixasista e xunto ao seu home teñen claro dende fai tempo que unha vida no agro sería estimulante para eles e para os seus fillos. Por convicción e por elección, compraron unha preciosa finca en Verducido (Pontevedra), que leva por nome Bouciña Nova no 2009 e solicitaron licenza ao concello de Pontevedra para a explotación agraria que querían levar a cabo.

A idea inicial era arranxar a casa en ruínas que ten a finca e irse a vivir para alí. Pero ate o 2016 non obtiveron a licenza por parte do concello e nese tempo naceron dous pequenos e outras necesidades máis inmediatas se presentaron. “Nós temos nenos e queremos que os rapaces teñan contacto co rural: sen natureza e agricultura non hai nada.”

Chegados ao momento actual plantexáronse que facer coa finca, de 8.000 metros cadrados, xa que o transcurso do tempo fai que comece, segundo as súas palabras, a medrar o desarraigo. Xa tiñan plantadas algunhas árbores nobres e froiteiras e pensaron en facer unha plantación ordenada de froiteiras autóctonas recuperando variedades pero o tempo tamén fixo que reconsideraran ese proxecto. Agora mesmo teñen que facer algúns traballos de reubicación de árbores para poder abordar o novo proxecto para o cal solicitaron a axuda do GDR.

Despois de estudalo en detalle, e de asesorarnos tamén, optamos por plantar viñedo e oliveiras. O do viñedo xurdiu pola oportunidade que representa a existencia da Indicación Xeográfica Protexida Ribeiras do Morrazo. Ademais, a finca xa tivera viñedo, está moi ben orientada, moi soleada en dúas terrazas e por cuestións administrativas tamén se podía perder o seu rexistro vitivinícola”.

Pero Ruth non quere montar unha adega, nin transformar os produtos da plantación, de momento. Plantarán albariño porque é unha uva que ten demanda no mercado para a elaboración de viño. Coas oliveiras, que plantarán en menor extensión, tamén teñen previsto vendela a algunha almazara. De calquera xeito, esta é unha produción que tardará en chegar pero que teñen moitas gañas de ver como se adapta a esta zona.

A variedade que queremos plantar non é das mais demandadas no mercado, cultivaremos unha variedade portuguesa que está moi ben adaptada ao norte de Portugal e non da maiores problemas no seu cultivo.”

Esta promotora quere facer un proxecto integral, sen adiantarse moito, con prudencia, e ver como se vai decantando a produción. A partir de aí tampouco desbotan sacar algunha elaboración artesanal cos produtos. Ruth tamén é técnica agroalimentaria e atráelle facer transformados con produtos da finca.

Cre, así mesmo, que os produtos diferenciados do noso agro teñen futuro e lle resulta inconcibíbel o abandono e o desaproveitamento dos recursos do rural e que na formación de capacitación agraria, en xeral, non se aborden máis estes temas.

O ano pasado fixo intención de solicitar as axudas do GDR para definir a potencialidade da finca cara a unha actividade turística ou agropecuaria. Finalmente agardaron ata este ano para solicitar a axuda cunha idea máis clara e pensada do que facer co terreo. Tamén foi moi importante para decidirse a atención recibida por parte do GDR e as facilidades na tramitación da axuda.

Non se coñecen moito as axudas do GDR. Eu entereime polo meu home que traballa en Medio Rural. Pero en xeral na administración, nin entre elas, parece ser que non se comunican moito as axudas dos fondos dos GDR”

Esta finca ten un valor para a contorna moi grande; coidala supón manter a paisaxe, aproveitar produtivamente as terras, dinamizar o rural económica e socialmente, dalo a coñecer cos produtos xerados e ofrecer a posibilidade de que a xente se acerque a visitar e experimentar estes proxectos. Valores todos intrínsecos da Responsabilidade Social Corporativa coa cal os dous promotores se senten plenamente identificados.

Queremos un sistema de produción pero tamén algo máis, que nos conecte e conectar co rural. Queremos que nos gratifique persoalmente porque o que vaia a dar a finca non se sabe”.

Para Ruth, como paisaxista, a agricultura é un xeito de conservar e coidar a paisaxe do rural. Por este motivo este proxecto vincula a produción agropecuaria co coidado da contorna. Dous aspectos produtivos intimamente vinculados, segundo ela, xa que un produto agrícola diferenciado require dun espazo con narrativa propia como é o agro galego.

Ruth leva moito tempo pensando como darlle xeito a este proxecto, o tempo fai que reconsidere certas cousas, pero o espírito segue intacto. Por iso cre que tería interese que houbera mais conexión, incluso colaboración, entre proxectos que se están a levando a cabo no ámbito rural. Outra sinatura pendente tamén é contar cos Centros de Investigación existentes na nosa Comunidade Autónoma como apoio e interlocutor imprescindible.

En Galicia hai xente e experiencias no rural de moito interese e valor. Estas persoas traballan duro polos seus proxectos, pero a soidade acostuma ser grande. Habería que solucionar isto”

 

Dende este venres 1 de marzo están abertas as listas para inscribirse nos cursos do programa formativo “PROFESIONALIZACIÓN E DESENVOLVEMENTO DA VITICULTURA NA IXP RIBEIRAS DO MORRAZO (2019)” que celebrará o GDR Pontevedra Morrazo entre os meses de marzo a xuño deste ano.

Nesta anualidade 2019, preténdese continuar a formación cunha proposta que afonda nas boas prácticas na viticultura e enoloxía, con referencias a modelos de viticultura integrada e/ ou ecolóxica e explorando actuacións de carácter colaborativo entre as propias IXP de viño de Galicia e de funcionamento cooperativo.

Obxectivos do proxecto

O programa formativo pretende dinamizar o sector vitivinícola, potenciando os seus coñecementos e o traballo en conxunto en torno ao que este selo de calidade supón.

O programa realizarase dende o mes de marzo ata o de xuño, en diferentes localidades do territorio da IXP.

Esta proposta de traballo basease nunha metodoloxía de formación-acción, que ten como obxectivo fundamental o de realizar un programa formativo de carácter práctico, que impulse a participación activa dos axentes implicados no desenvolvemento e  articulación da citada indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo.

Os principais obxectivos que persegue o programa formativo 2019 son:

  1. Continuar reforzando e empoderando ao sector de viticultores e adegueiros da zona comprendida na IXP Ribeiras do Morrazo.
  2. Mellorar os coñecementos e a capacitación profesional das persoas participantes, para acadar un sector vitícola e vinícola, máis dinámico, moderno e proactivo.
  3. Impulsar a xeración de iniciativas de emprendemento ligadas a modelos, como por exemplo o cooperativo.
  4. Reforzar e dar a coñecer ao propio sector, coa realización de diferentes actividades, en diferentes concellos da zona territorial que comprende a IXP, e o propio GDR.

 

CALENDARIO

Calendario IXP

Inscrición gratuíta no telefono de contacto  986 108 144 ou a través do  correo electrónico Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

 

O director da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, visitaron xunto co alcade de Soutomaior e o xerente do GDR Pontevedra-Morrazo a nova sede da empresa FrutoDS.

Este proxecto, consistente na ampliación e modernización dun estudo de deseño de produto e industrial no lugar de Pedreira no municipio de Soutomaior, contou con 108.944,39 € de axuda Leader xestionada a través do GDR Pontevedra-Morrazo. As novas instalacións, que moveron un orzamento de 262.516,60 €, albergan unha oficina técnica e novas áreas como un laboratorio de I+D+I e un amplo espazo de obradoiro de 81.2m2, que xunto coas impresoras 3D e equipamento específico, lles permite: a produción de pezas a través da tecnoloxía 3D para o prototipado dos produtos, a montaxe dos prototipos deseñados, a realización das probas “in situ” e almacenaxe, mellorando a produtividade, e acadando unha maior eficiencia e calidade no proceso produtivo.

O director xeral de Agader destacou a necesidade de dotar ao rural galego dos mesmos servizos cos cidadáns poden ter nas urbes para mellorar a calidade de vida da poboación e a importancia deste tipo de proxectos para dinamizar o rural, facelo atractivo e ademais xerar unha actividade económica. Así mesmo, aproveitou a ocasión para recordar que está aberto o prazo para a presentación de solicitudes para a nova convocatoria de axudas Leader. Así, os interesados en optar a unha subvención poden enviar os seus proxectos ata o 31 de marzo ao GDR.