“Xestión agroforestal sustentable (2019)” é un programa formativo de 54h lectivas, baixo a metodoloxía de formación-acción, que ten unha dobre finalidade:

Mellorar as prácticas sostibles dos sectores agrogandeiro e forestal para potencialo como alternativa emerxente de emprego e/ou emprendemento.

Reforzar e incrementar a profesionalización e capacitación da poboación activa nos ámbitos referidos, contribuíndo a mellorar as prácticas de traballo e impulsar os aproveitamentos.

Para isto, o programa formativo centrarase en:

  • Reforzar o papel das actividades agrarias, gandeiras e forestais, como eixe para a dinamización social e económica do territorio.
  • Introducir criterios técnicos e aprendizaxes no conxunto de actividades que leven implícita esa xestión agroforestal sustentable.

A proposta de contidos didácticos para cada unha das accións formativas a desenvolver durante o periodo contemplado son:

1. Horticultura ecolóxica, 5 accións formativas (17 h).

Abordaranse contidos de Introdución á xestión dunha explotación hortícola en ecolóxico. Requisitos xerais sobre a normativa de agricultura ecolóxica. Manexo do solo en cultivos ecolóxicos. Deseño do horto ecolóxico. Rego e operación culturais agroecolóxicas para mellorar a eficiencia da auga e a conservación do solo. Operacións de cultivo. Fertilización. Bases para a elaboración de compost. Sementeiros: preparación de plantas para o horto. Invernadoiros. Asociacións e rotacións de cultivos. Pragas e enfermidades. Tratamento e control.

2. Sistemas gandeiros ecolóxicos, 5 accións formativas (14 h).

Abordaranse contidos de Apicultura ecolóxica. Ovino e caprino ecolóxico. Porcino ecolóxico.

3. Xestión sustentable do monte e producións alternativas, 5 accións formativas (17 h).

Abordaranse contidos sobre Os sistemas agroforestais. O castiñeiro. Micoloxía como alternativa produtiva forestal.

4. Sector ecolóxico-Comercialización, 2 accións formativas (6 h).

Abordaranse contidos de Responsabilidade Social Corporativa e Innovación. A importancia de vender: produto/marca/proxecto. Fases da venda (mercado local, feiras, grupos de consumo...). Plan de marketing. Comunicar en 360º. Creación e rexistro de marcas. O mercado de produtos ecolóxicos. Situación actual e perspectivas de futuro. Introdución ao marketing de produtos ecolóxicos. Canles de distribución e venda de produtos ecolóxicos. Grupos, cooperativas e asociacións de consumo. Venda online de produtos ecolóxicos. Outras canles de distribución de produtos ecolóxicos. Importación e exportación de produtos ecolóxicos

Proxecto de modernización dunha empresa adicada á montaxe de mobles de carpintería e instalacións de obra, cara o propio deseño, fabricación e montaxe de mobiliario de madeira a nivel nacional e internacional nunha nave ubicada no polígono de “Sequeiros-Portela” no municipio de Barro.

Con esta iniciativa o promotor amplía o seu negocio e mellora a súa competitividade cunha nova actividade a desenvolver que será a fabricación de mobles personalizada e adaptada ás necesidades de cada cliente (sector contract, cadeas hoteleiras, subcontratas, etc); dispoñendo dunha zona de produción de 1.349,78 m2 útiles, xunto coa actividade administrativa necesaria habilitada nunha zona de 66,17 m2 para oficinas e de 28,34 m2 para vestiarios/aseos.

Trátase de realizar un programa formativo, baixo a metodoloxía de formación-acción, que teña unha dobre finalidade:

Dinamizar socialmente ao sector vitivinícola para reforzalo e empoderalo como alternativa emerxente de emprego e/ou emprendemento.

Capacitar e cualificar a emprendedores e poboación activa en xeral, para afrontar os requirimentos técnicos, económicos e sociais que vai a supoñer a posta en marchada IXP, e o desenvolvemento da actividade.

Polo tanto, os principais obxectivos xerais do programa formativo centraranse en:

  • Reforzar a participación do sector e activación do capital social: reforzar o empoderamento e notoriedade do sector, viticultores, adegueiros, etc.da zona comprendida na IXP Ribeiras do Morrazo.
  • Impulsar a xeración de iniciativas de emprendemento, abordando unha análise conxunta das oportunidades presentes.
  • Introducir criterios técnicos e aprendizaxes que implican a entrada no marco regulador da IXP, abordando a formación en aspectos de índole técnica, experimental, que melloren os coñecementos e capacitación profesional do sector.

A proposta de contidos didácticos para a IXP Ribeiras do Morrazo a desenvolver durante o periodo contemplado son 16 accións formativas (71 horas):

A modelización no desenvolvemento das IXP galegas.

Abordaranse contidos de Cooperación entre as IXP de viños de Galicia. Visita estudo IXP Val do Miño. A produción integrada/ecolóxica como modelo de referencia. A produción integrada/ecolóxica. Visita de estudo a explotación vitícola con produción integrada / ecolóxica

O programa de emprendemento cooperativo.

Abordaranse contidos sobre O salto á creación de iniciativas empresariais vitivinícolas. Fórmulas colaborativas de traballo organizativo e produtivo.Desenvolvemento Cooperativo. Visita de estudo cooperativa vitivinícola.

Capacitación e profesionalización no ámbito da viticultura.

Abordaranse contidos de As boas prácticas. A responsabilidade social e a sustentabilidade na vitivinicultura. Aspectos normativos para a xestión da viña e a adega. Os controis. As boas prácticas no viñedo. As boas prácticas na adega. As boas prácticas na distribución e comercialización. Imaxe comercial, información e comunicación co consumidor. Orientación ao mercado.

O Concello de Pontevedra proxecta a rehabilitación e acondicionamento integral dun inmoble municipal no lugar de Os Campos-Mourente, para destinalo a centro de promoción de recursos locais e actividades de desenvolvemento rural.

A infraestructura disporá dunha sala multiusos para actividades, eventos e/ou exposicións que se destinará a promoción e posta en valor dos recursos locais. Ademais tamén albergará a sede e oficina técnica do GDR Pontevedra-Morrazo onde desenvolver o traballo administrativo de dinamización e desenvolvemento rural, e acoller reunións e eventos de carácter institucional do grupo.

A edificación contará con dúas plantas: unha planta baixa de 233.45m2, con vestíbulo, unha sala multiusos para eventos e/ou exposicións, xunto con zona de almacén, aseos, cuartos de limpeza, etc; e unha planta alta de 239.65m2, cunha zona de administración en concepto aberto apta para 3-4 traballadores con zona de arquivos, despacho e sala de xuntas con capacidade para 35 persoas e outras dependencias necesarias para acoller a oficina técnica e sede do GDR.

Proxecto de carácter non produtivo promovido pola CMVMC de Domaio en Moaña coa finalidade de crear dous miradoiros públicos na contorna de Chan da Arquiña que permitan aproveitar o potencial dun espazo natural de valor paisaxístico e ambiental (vistas das Rías de Vigo, Pontevedra e Arousa; e as terras da zona da Cañiza, a Serra do Candán e a Serra do Suído, etc), e contribuir a dotar a propia zona de Domaio de infraestruturas de uso turístico e recreativo de libre acceso; aumentar a biodiversidade coa plantación de especies de frondosa autóctona e tratamentos selvícolas de mellora do arborado; e recuperar un espazo degradado coa eliminación de especies alóctonas invasoras.

O proxecto localízase na contorna do Dolmen de Chan da Arquiña (parroquia de Domaio) con gran afluencia de turistas e visitantes, especialmente en época estival.

Proxecto de carácter non produtivo promovido pola CMVMC de Borela en Cerdedo-Cotobade coa finalidade de crear un roteiro de 4.51 Km dende o lugar de Senra ata A Graña na parroquia de Borela.

O roteiro que deberá ser homologado pola Federación Galega de Montaña transcorre por corredoiras e cursos fluviais, elementos etnográficos, etc. que aproveitan o potencial dun espazo natural conformado por bosques de ribeira de valor ecolóxico e ambiental que contribuirán a dotar a propia zona de Borela de actividades de uso turístico e recreativo de libre acceso.

Proxecto de creación dun centro de día en Sobral, na parroquia de Soutomaior, como empresa que ofrece servizos de atención e asistencia diúrna tanto nas instalacións do centro como no domicilio das persoas maiores con necesidades de coidados; en especial, os servizos básicos de atencións na vida diaria, sociais, sanitarias e de apoio ás persoas e familiares encamiñados á mellora da actividade habitual, a facilitar a súa autonomía, aseo e hixiene persoal, acompañamento médico ou hospitalario, etc.; ademais dos servizos de terapia fisioterapéutica, transporte, comedor, perruquería, logopeda e actividades complementarias (obradoiros con música e animais, saídas ó xardín exterior, etc.)

Este novo centro está deseñado para acadar un número previsto de 50 prazas de atención a maiores, nunha parcela de 850m2 cunha superficie útil de 230.05m2 distribuídos en: recepción/despacho de dirección, sala de curas, zona de rehabilitación, sala polivalente (para actividades previstas e de estar-comedor), office, vestiarios privados para o persoal, almacén e baños adaptados.

Proxecto de creación dun centro de día na parroquia Virxe do Carme de Moaña, como empresa que ofrece servizos de atención e asistencia diúrna a persoas maiores con necesidades de coidados; en especial, os servizos básicos de atencións sociais, sanitarias e de apoio ás persoas e familiares encamiñados á mellora da actividade habitual, a facilitar a súa autonomía, aseo e hixiene persoal, etc.; ademais dos servizos de terapia fisioterapéutica, transporte, comedor, perruquería, podólogo e actividades complementarias (obradoiros, etc.)

Este novo centro está deseñado para acadar un número previsto de 60 prazas de atención a maiores, nunha superficie útil de 294m2 distribuídos en: despacho de dirección, sala de curas, zona de rehabilitación/fisioterapia, sala polivalente (para actividades de manualidades, lectura e descanso e de estar-comedor), zona de cociña con despensa, perruquería, vestiarios privados para o persoal/lavandería e baños adaptados, xunto cunha zona de recepción/control-información.

 

Proxecto de ampliación dunha empresa de carpintería metálica que busca mellorar procesos e ampliar a súa capacidade produtiva coa construción dunha nave ubicada nas parcelas 13 e 14-Polígono Industrial “A Facha-Redonde” en Campo Lameiro.

Con esta iniciativa o promotor amplía o seu negocio e mellora a súa competitividade dotándose de nova maquinaria e dispoñendo dunha zona de taller/produción e almacén de 953,79 m2 útiles, ademais dunha zona habilitada de 8,64 m2 para almacenaxe de ferramentas e de 12,87 m2 para vestiarios/aseos.

 

Proxecto de creación do primeiro campamento turístico de 2ª categoría con capacidade para 76 prazas de aloxamento temporal, ubicado en Atalaia (Viascón) no municipio de Cerdedo-Cotobade. O investimento ampliará as actividades e servizos existentes, complementando a oferta turística do Centro de Turismo Activo de Atalaia (actividades de ocio e natureza, rutas a cabalo, paintball, kayak, educación ambiental, etc).

O campamento instalarase nun entorno natural de aproximadamente 6.000 m2. Contará cun total de 19 parcelas de 45m2 para tendas de campaña con capacidade para albergar un máximo de 76 persoas; unha construción principal estable de 112.4m2 para albergar os servizos de recepción e zona de cafetería, supermercado, aseos, sala de curas e almacén, zona exterior cuberta; e outra pequena construción auxiliar de 36.8m2 para ubicar os depósitos de auga.

Dende un punto de vista arquitectónico, cabe valorar a construción con materiais renovables e biodegradables tentando de minimizar o impacto visual na paisaxe con técnicas construtivas e materiais tradicionais de xeito que o conxunto acade un valor engadido de integración no contorno rural da zona.