Dende o luns 1 de abril estarán abertas as listas para inscribirse nos cursos do programa formativo “XESTIÓN AGROFORESTAL SUSTENTABLE (2019)” que celebrará o GDR Pontevedra Morrazo os meses de maio e xuño.

O Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo, no marco da medida Leader 2014-2020, deseñou o programa formativo “XESTIÓN AGROFORESTAL SUSTENTABLE (2019)” de 54 horas lectivas baixo a metodoloxía de formación-acción, que ten unha dobre finalidade:

  • Mellorar as prácticas sostibles dos sectores agrogandeiro e forestal para potencialo como alternativa emerxente de emprego e/ou emprendemento.
  • Reforzar e incrementar a profesionalización e capacitación da poboación activa nos ámbitos referidos, contribuíndo a mellorar as prácticas de traballo e impulsar os aproveitamentos.

A proposta de contidos didácticos para cada unhas das accións formativas a desenvolver durante os meses de maio e xuño son:

  1. Horticultura ecolóxica (17 h)
  2. Sistemas gandeiros ecolóxicos (14 h)
  3. Xestión sustentable do monte e producións alternativas (17 h)
  4. Sector ecolóxico - Comercialización (6 h)

 

Os cursos contemplados no plan formativo son totalmente gratuítos para os seus participantes. O criterio de admisión establecerase por orde de inscrición, ata cubrir o número de prazas existentes.

Os cursos, que inclúen visitas temáticas de traballo, serán impartidos e dirixidos por persoal técnico, con coñecemento específico da materia e experiencia en labores formativas e de traballo en grupo.

 

Inscrición gratuíta no telefono de contacto  986 108 144 ou a través do  correo electrónico Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

O prazo de presentación das solicitudes de axuda para a primeira proposta anual de selección de proxectos da anualidade 2019/20 rematará o 31 de marzo de 2019.

De acordo coa Lei 39/2015 do procedemento administrativo, ao ser este un día inhábil, a data de fin de prazo enténdese prorrogada ao día hábil seguinte, neste caso, o luns 01 de abril de 2019.

Así mesmo, lembramos que o prazo máximo para as persoas (físicas ou xurídicas) que presenten as solicitudes a través da sede electrónica (https://sede.xunta.gal) rematará o 1 de abril ás 23:59 minutos e 59 segundos. Nos concellos nos que o día 01 de abril de 2019 sexa festivo local e teñan a presentación electrónica rematará o día 02 de abril ás 23:59 minutos e 59 segundos.

As solicitudes que consten rexistradas en SEDE ás 00:00 horas ou posterior non son admisibles por estar presentadas fóra de prazo.

En relación ás solicitudes presentadas de xeito presencial polas persoas físicas (non obrigadas á presentación electrónica) na sede do GDR o prazo rematará o 1 de abril ás 14.00 h. (se é nun rexistro público: ás 14.00 h. e se se presentara nunha oficina de correos á hora de peche desa oficina).

Nota: No hipotético caso de que o sistema informático da SEDE electrónica falle o último día de presentación de solicitudes e persoas xurídicas obrigadas á presentación electrónica decidan presentar a solicitude en papel no rexistro do GDR, unicamente se considerarán válidas esas solicitudes nos supostos nos que resulte acreditado o fallo do sistema informático (apertura dun número de incidencia no teléfono 012, por exemplo).

Máis información: 

http://www.gdrpontevedramorrazo.eu/web/axudas/formularios

Este venres 22 de marzo botou a andar nas instalacións da biblioteca de Beluso do concello de Bueu unha nova edición do programa formativo “PROFESIONALIZACIÓN E DESENVOLVEMENTO DA VITICULTURA NA IXP RIBEIRAS DO MORRAZO (2019)” de 71 horas lectivas organizado polo GDR Pontevedra Morrazo.

Dende 2017, o Grupo de Desenvolvemento Rural Pontevedra Morrazo, que xestiona a medida Leader 2014-2020, está a desenvolver un programa formativo para a profesionalización e desenvolvemento da viticultura na indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo.

Nos anos 2017 e 2018 realizáronse accións formativas diversas orientadas a reforzar o empoderamento do sector de viticultores e adegueiros da zona comprendida na IXP Ribeiras do Morrazo, así como a súa profesionalización e capacitación técnica, fortalecendo deste xeito á propia figura ou selo de protección da calidade.

Nesta anualidade 2019, preténdese continuar a formación cunha proposta que afonda na sustentabilidade e boas prácticas na viticultura e enoloxía, con referencias a modelos de viticultura integrada e/ ou ecolóxica e explorando actuacións de carácter colaborativo entre as propias IXP de viño de Galicia e de funcionamento cooperativo.

Obxectivos do proxecto

O programa formativo pretende dinamizar o sector vitivinícola, potenciando os seus coñecementos e o traballo en conxunto en torno ao que este selo de calidade supón.

O programa realizarase dende o mes de marzo ata o de xuño, en diferentes localidades do territorio da IXP.

Esta proposta de traballo basease nunha metodoloxía de formación-acción, que ten como obxectivo fundamental o de realizar un programa formativo de carácter práctico, que impulse a participación activa dos axentes implicados no desenvolvemento e  articulación da citada indicación xeográfica protexida Ribeiras do Morrazo.

Os principais obxectivos que persegue o programa formativo 2019 son:

  1. Continuar reforzando e empoderando ao sector de viticultores e adegueiros da zona comprendida na IXP Ribeiras do Morrazo.
  2. Mellorar os coñecementos e a capacitación profesional das persoas participantes, para acadar un sector vitícola e vinícola, máis dinámico, moderno e proactivo.
  1. Impulsar a xeración de iniciativas de emprendemento ligadas a modelos, como por exemplo o cooperativo.
  2. Reforzar e dar a coñecer ao propio sector, coa realización de diferentes actividades, en diferentes concellos da zona territorial que comprende a IXP, e o propio GDR.

O contido temático desta primeira sesión formativa foi de carácter introdutorio e versou sobre as boas prácticas, a responsabilidade social e a sustentabilidade na vitivinicultura e os aspectos normativos para a xestión da viña e a adega, controis, etc. dentro da IXP.

En total serán 16 accións formativas, trece delas no propio ámbito da IXP e tres visitas temáticas fóra do territorio da IXP.

 

O meu soño era ter unha escola hípica: encántanme os nenos e os cabalos

Carlos Blanco é xinete de saltos profesional que lidou en multitude de campionatos, que chegou a competir en citas internacionais, incluso participou nunha Copa do Mundo. Con dezasete anos tivo un grave accidente que lle dificultou seguir na senda competitiva. Na ensinanza ecuestre para nenos, encontrou un futuro no que seguir ligado a súa paixón, os cabalos, e co mundo infantil, no cal se fai entender moi ben.

Para Carlos os cabalos representan unha paixón infantil e un estilo de vida.

Tanto Carlos como Sandra (que se encarga da xestión da escola) xa contaban con experiencia neste ámbito, pero sempre tiveron a ilusión de crear a súa hípica. Agora con este proxecto poden despregar toda a súa creatividade e construír unhas instalacións acordes a súa forma de entender a ensinanza ecuestre.

Para este emprendedor é esencial empezar unha empresa dende abaixo. Carlos, ademais de dedicarse á competición, estivo nun centro de alto rendemento de hípica en Vigo e foi alí onde tivo a súa primeira experiencia con nenos. Máis tarde formouse como Graduado Laboral, pero sempre coa cabeza posta en dedicarse aos cabalos e a ensinanza da hípica.

O proxecto o tiña na cabeza dende que empecei a montar a cabalo porque eu tiven que ir fóra de Pontevedra a facelo. Ao final quería volver e montar unha escola de equitación para nenos. Gústanme moito os rapaces dende sempre, coidalos, métome moito na súa cabeza”.

A ambición de Carlos é que o seu centro chegue a ser un clube de referencia como escola de hípica para nenos de 4 a 16 anos, onde tamén lle gustaría traballar con pais e nenos conxuntamente. As clases son de tarde como actividade extraescolar. En vacacións escolares teñen campamentos de mañá. O período mais forte da actividade da hípica é durante o período escolar.

A filosofía do centro de hípica Atlántico é o coidado e respecto polos seus cabalos. Que estean en liberdade e non en lugares pechados é esencial para eles. O cabalo ten que estar ben tratado, tendo en conta as súas necesidades; se é así o animal se convirte en algo máis que nun obxecto de monta, realmente, como din, é un psicólogo para os nenos onde o trote estimula o sistema nervioso dos rapaces.

Nós somos amantes dos cabalos, aquí non sofren e cremos que os valores que aporta a hípica son importantes para a vida. Pensamos que con esforzo e traballo todo se pode conseguir”.

O centro ecuestre Atlántico abriuse en 2018 en terreos alugados á Comunidade de Montes en Man Común de Ponte Caldelas, contando pois, cun grande espazo natural para o desenvolvemento da súa actividade.

Conta cunhas instalacións moi modernas e accesibles e cun deseño moi cálido onde a madeira sempre está presente, “como debe ser unha hípica, non unhas naves de aparencia industrial”.

Ademais, conta cun amplo aparcadoiro (porque tamén organizan eventos –“todo menos vodas”- apto para recibir camións de catering e carpas de pulpeiros), almacén para a ferramenta e apeiros, dúas impresionantes pistas de geolastic, que cando se mollan, a superficie faise elástica (unha grande no exterior e outra un pouco máis reducida cuberta) e non sofren as articulacións dos cabalos cando saltan.

Conta tamén, obviamente, coas cuadras necesarias para os vinte equinos dos que dispoñen, con duchas de auga quente (de placas solares) para os cabalos, unha ampla e cálida sala de espera para os pais con servizos diversos, e a oficina, que ademais na parte traseira fai de estancia ocasional para os donos.

O enfoque da escola é realizar unha actividade formativa, neste caso utilizando cabalos e contando coa implicación dos pais. Non buscan ter moitos alumnos/as senón agrupalos correctamente, facer as cousas ben buscando sempre un horizonte de formación integral na que sexa tan importante dominar a técnica de montar, o respecto polos animais, como a orde no guadarnés: as cousas ben feitas ben parecen, págase por montar e os rapaces aprenden tamén a ser ordenados e coidadosos.

Para o ano próximo queren facer convenios con centros de ensino da provincia para facilitar que os nenos que queiran poidan ir a aprender alí.

Nós entendemos a hípica como unha actividade non elitista. Tampouco ten porque ser cara, máis ben cremos que é un fermoso deporte no que o rapaz e mais o cabalo forman un equipo –ou sexa que non é un deporte individual- e que leva implícito unha serie de valores moi interesante e importantes para a formación dos máis pequenos. Non todo vai ser fútbol…!

A proximidade de Pontevedra, a escasos 20 minutos, é unha fortaleza da súa empresa. En Ponte Caldelas síntense acollidos e pretenden facer un pack xunto cos establecementos turísticos da localidade de cara o ofertar a escola como atractivo turístico para as familias que teñan nenos e nenas.

Carlos non quere deixar pasar a ocasión para recoñecer a axuda do seu sogro e sobre todo da do seu pai que con grande afán os apoian, a él e a Sandra, e axudan en múltiples tarefas tanto na posta a punto das instalacións como na xestión. El foi quen se informou e xestionou a axuda do GDR sen a cal, indica Carlos, non sería posible este proxecto.

O proxecto da hípica Atlántico representa un grande atractivo para un concello como Ponte Caldelas xa que aparte do emprego que xera (de momento o encargado do coidado diario dos cabalos é un empregado da localidade co cal están moi contentos), o pon no mapa dos eventos ecuestres en Galicia.

Tamén hai que resaltar o esforzo deste concello para facilitar o desempeño de empresas como esta contratando a liña wifi Aurea para que os seus veciños poidan ter un acceso a internet de altas prestacións.

Carlos e Sandra séntense moi satisfeitos co realizado pero son conscientes do traballo que queda por diante:

Ter o teu propio negocio dáche quebradoiros de cabeza pero é moi bonito.

Salinas do Ulló: un patrimonio e un espazo singular no concello de Vilaboa

As salinas do Ulló son unha xoia do noso patrimonio etnográfico e cultural, situada nun marabilloso enclave pertencente á Rede Natura da Ensinada de San Simón, na parroquia de Paredes, concello de Vilaboa. Estas salinas datan do século XVII e representan un conxunto único na nosa comunidade autónoma. Ademais do propio sistema salinífero conta cun muíño de mareas, e un conxunto de casas que se dedicaban a diversos usos relacionados coa explotación do sal. E ten un fermoso e longo paseo que as arrodea.

Moito do recoñecemento, divulgación e medios de acceso que agora teñen as salinas son obra da Asociación Cultural Salinas do Ulló. Esta asociación leva vinte anos loitando por este lugar, por dalo a coñecer, por mellorar as súas prestacións. Este ano, un grupo pertencente á asociación, conformou unha Comunidade de Propietarios –neste momento composta por 7 persoas- co fin de poñer en marcha un proxecto de turismo e educación ambiental nesta zona. Para cumprir este fin, Rosa Ana Ríos decidiu solicitar unha axuda ao GDR Pontevedra-Morrazo.

Grazas ao traballo e esforzo desta asociación en 2004 Costas investiu un millón de euros para facer e acondicionar tramos de paseo que arrodean as salinas; e no 2007 levouse adiante un proxecto PRODER para a recuperación da ruta das salinas.

Temos a Asociación Cultural Salinas do Ulló desde fai 20 anos e todo ese tempo estivemos traballando en diversos proxectos e iniciativas para recuperar as salinas e poñelas en valor. Nos últimos cinco anos conseguimos 5 km de sendas para paseo: é un lugar idóneo para isto. Para nos é como se fora un fillo, levamos moitos anos con isto”

O proxecto que presenta Rosa Ana ao GDR representa unha combinación entre educación ambiental e turismo de natureza, contando co privilexiado entorno e dúas casas axeitadas para este fin.

Coméntannos Rosana e Alberto, promotora deste proxecto e o seu marido, que pouco a pouco foi vindo xente, moitos xa son asiduos, e cada vez hai máis interese por este espazo tan singular. Todo isto, xunto coa boa conexión da zona cos centros urbanos próximos e ás zonas de praia do Morrazo, outórganlle ás salinas un atractivo moi importante. Tanto é así que hai demanda por parte de colexios, colectividades, familias e público en xeral por visitar e coñecer o lugar. Esta demanda non era atendida por ninguén, salvo pola voluntariedade da Asociación Salinas. Esta circunstancia é o xerme deste proxecto.

Hai unha necesidade evidente de servizos para a demanda de visitas que hai na zona. Escoitamos as necesidades da xente. Sabemos que nalgúns sitios as aulas de natureza non funcionaron por iso queremos facer un proxecto integrativo que dinamice toda a zona de salinas. O concello de Vilaboa ten poucos recursos así que pensamos que a iniciativa cívica e cidadá tamén pode ser unha alternativa”

Esta iniciativa quere ser un proxecto produtivo que se sustente economicamente, non se buscan beneficios senón o desempeño dun labor de concienciación e posta en valor do espazo Salinas do Ulló que poida xerar uns postos de traballo e unha dinámica de coidado da zona. Unha persoa da comunidade de propietarios dos terreos necesarios para desenvolver o proxecto é monitora de tempo libre e se encargará das actividades da aula de natureza e das visitas e interpretación do lugar. Logo as casas doutros socios serán quen de acoller a un turismo de natureza.

Hoxe en día hai empresas que fan o labor de ensinar o noso patrimonio. Nós, que levamos loitando por el vinte anos, tamén o podemos facer e incluír outros servizos que a xente demanda, especialmente a xente maior que pide lugares onde comer ou aloxarse para pasar uns días. Nós optamos polo que se da en chamar turismo habitacional. Algúns dos nosos socios son persoas formadas en distintas disciplinas que poden completar unha oferta moi interesante para os nosos visitantes.”

Rosana e Alberto consideran que dende as asociacións, que coñecen o territorio e están sensibilizados con el, se poden facer moitas cousas. Cren, así mesmo, que as agrupacións de persoas son un elemento que pode contribuír a mellorar os pobos, o seu coidado medioambiental e a conectalos cunha contorna máis ampla:

As Salinas do Ulló son un grande atractivo para a comarca, representan unha alternativa ao turismo de sol e praia. O seu coidado implica ter en conta moitas cousas: a calidade da auga, as infraestruturas, a recuperación de inmobles pouco utilizados, os servizos e a creación de emprego”.

As persoas que inician este proxecto son grandes coñecedoras da contorna. Militantes e activistas en pro das salinas do Ulló. Ademais o seu modo de pensar con perspectiva os leva a entender a importancia de ligar todo isto cunha mobilidade alternativa que lle facilite as cousas as persoas que queiran visitalos. Por este motivo están no proxecto Vía Verde que vai unir Pontevedra con Vilaboa.

Tamén queren facer mención ao papel tan importante que tiveron as persoas que cederon terreos para poder facer todo o paseo. Por outra banda din que as veces a administración local non é todo o áxil que debería á hora de facilitar que estes proxectos vaian para adiante, o que fai que todo leve un grande esforzo.

Houbo 16 propietarios que cederon para facer o paseo; é mérito do concelleiro de medioambiente de Vilaboa que neste caso é unha persoa moi implicada e iso é moi importante”.

Este proxecto ten un marcado carácter vocacional por parte dos seus promotores, que din representa un pracer compartilo e cren que ten vocación de futuro porque as novas xeracións serán moito máis sensibles co tema medioambiental.

Sacar os proxecto adiante é moi complicado, requírese moito traballo e tesón, pero cremos que as cousas se poden mellorar e que temos unha riqueza nas nosas mans que canto menos debemos de agradecer e coidar”

Sen dúbida este proxecto é un claro exemplo de materialización da Responsabilidade Social Corporativa toda vez que afecta de xeito positivo a unha multiplicidades de axentes, amais de ser un legado para as xeracións futuras, e sen esquecer que é no presente un elemento importante na calidade de vida das persoas da comarca.

Somos unha empresa que conta coa confianza do sector

EiDF (Enerxia, innovación e Desenvolvemento Fotovoltaico) é unha das mais importantes empresas orientadas á fabricación e instalación de placas solares fotovoltaicas de autoconsumo de España. Situada no estratéxico, e ben comunicado, polígono de Barro-Meis, esta empresa é un referente a nivel nacional deste sector. Neste momento os seus principais clientes son empresas, de distinto tipo, que teñen importantes consumos eléctricos.

Fernando Romero é o director e principal socio desta empresa en crecemento (presentan unha media de 6.000 proxectos de media ao ano) que aspira en breve a facer a súa saída a Bolsa. Nela traballan entorno a 40 persoas cun amplo cadro de persoal de técnicos, enxeñeiros, avogados, etc. A empresa foi constituída no 2008 en Barcelona e estivo sen actividade até 2011 cando por fin se puxo en marcha.

Este é o meu sono, a miña vida. Ten todo o sentido facer este traballo. Teño un fillo biolóxico e logo este, non teño outra noción da vida que no sexa esta”.

Antes de empezar con este proxecto Fernando estivo traballando na banca. Cando estaba no BNP Paribas tocoulle a división de riscos das empresas de renovables. Gustoulle, apaixonouse co tema e deixou o banco porque pensaba que xa sabía bastante do tema, pero non, houbo que lidar moito, tal e como di:

O tema das renovables é un sector moi politizado e interviñido. Se observas o BOE o ves cada día. Neste tema non se pensa na xente. É unha política das grandes empresas enerxéticas. Loitar contra iso cada día é durísimo”.

Este directivo considera que a enerxía é un ben básico e pensa que non é de recibo que unha persoa non poida decidir se quere poñer unha placa solar na súa casa ou na súa nave, toda vez que o entramado burocrático e regulamentario que supón a súa solicitude non garante un sistema público accesíbel, senón que se fai para garantir os ingresos das grandes empresas do sector eléctrico.

O elemento diferencial de EiDF respecto da competencia é a profesionalidade do persoal empregado, así como o modelo da mesma onde, habendo roles, ten un funcionamento practicamente horizontal. Comenta que cando empezaron era un sector pouco profesionalizado e eles lle deron a volta: “aquí se desenvolven proxectos e a calidade dos equipos que fabricamos é moi alta”.

Neste momento teñen 11 delegacións en España, unha en China e outra en Arxentina. Neste país están instalando 1.100.000 paneis fotovoltaicos en colaboración cunha empresa china. Por outra banda EiDF é a empresa que máis concursos públicos gaña en España pero en Galicia ningún.

Preguntado sobre se fan algunha acción ou campaña a maiores para promover a enerxía fotovoltaica, Fernando contesta que nestes momentos teñen 45 comerciais por toda España e esa é a acción máis potente, segundo el, para difundir o uso das renovables: buscando clientes e facendo ver o interese que ten para o peto do consumidor: en 4 o 5 anos amortízase a inversión e logo a factura da luz redúcese a metade por termo medio, indica.

Por que é mais competitivo e máis social o autoconsumo? Explica que a razón é económica e afirma que “a xente aínda non entende que a enerxía é un ben necesario, por ese motivo a xente pode gastar 20.000 euros nun coche e non gasta 10.000 nunha instalación que vai dar enerxía moitos anos, que vai formar parte da vida colidía. Esa cultura non chegou a este país. Si a outros como Alemaña onde cun 40% menos de sol ten moitísima máis instalación fotovoltaica que España, o país do sol”. Pero insiste en que este sector está severamente intervido, que existe un montón de burocracia e de requisitos que dificultan a posibilidade de que un usuario poida instalar unha placa fotovoltaica.

As trabas administrativas para desenvolver os proxectos son enormes. Para facer unha instalación nunha nave industrial se aplica una lei do ano 2000 que é un regulamento para plantas de ciclo combinado. Nos aplican unha lei do ano 2000 para centrais nucleares e temos que facer os mesmos trámites para instalar unha placa fotovoltaica para autoconsumo!”.

Para o desenvolvemento do autoconsumo bótase en falla unha nova normativa que lle dea seguridade xurídica. Salvo España non hai outro país no mundo que teña unha lexislación tan restritiva á instalación de fotovoltaicas, indica este xerente.

Segundo Fernando costará cambiar esta mentalidade pero hai lugar para as sorpresas: “o primeiro ano que empezamos tivemos catro obras. Este ano dobramos o número de obras respecto ao ano anterior e neste momento levamos 275 obras, máis obras que días do ano transcorrido”.

En España temos o problema de que dependemos de catro compañías que xeran electricidade e autocómpranse a enerxía. As renovables teñen un fin moi social: “non é un fin económico só; nós queremos cambiar o modelo enerxético destes país, mais alá do balance e dos resultados económicos”.

No futuro queren medrar moito como empresa e entrar na xeración de enerxía a través de hortas solares para finalmente vendela ao consumidor. Tamén confían en que cada vez máis empresas grandes opten polo autoconsumo, xa que desta maneira serán exemplo para as máis pequenas que confiarán nunha proposta máis sustentable. Fernando di que o cambio neste sentido ten que vir de arriba a abaixo, “téñeno que facer os grandes para que o vexa o pequeno”.

Respecto da axuda outorgada polo GDR Pontevedra- Morrazo comenta que lles viu moi ben e que non teñen máis que palabras de gratitude para coa oficina de Pontevedra. Destaca a preocupación, trato e proactividade da xerencia así como a vixilancia e seguimento de tódolos pasos en aras de coidar os cartos públicos.

 

Para min é esencial a confianza e o respecto dos clientes

João Rocha, naceu en Salvador de Bahía (Brasil) e con 18 anos chegou a Pontevedra co afán de dedicarse ao fútbol profesional. Adestrábase pola tarde-noite e, un bo día, a persoa que se encargou de traelo ofreceulle estar nun obradoiro de pastelería-panadería para ocupar un pouco as horas do día.

No ano 2000 cheguei aquí buscando un soño, ser futbolista. Estiven xogando na 3ª división. Aos dous anos trouxen a miña familia: meus país e dous irmáns”

O conto é que lle gustou o traballo na pastelería, e foi aprendendo, de xeito que agora di que as súas dúas grandes paixóns son o fútbol e a pastelería. Foi aprendendo, formándose até que puxo en marcha O forno de Lana, en memoria da súa irmá, que se chamaba Lana, que acabou finando no 2013. Lana tivo unha grande influencia en João xa que era unha persoa moi especial, cun grande sentido da solidariedade e moi preocupada porque a alimentación fora natural e artesán.

A miña irmá sempre foi naturalista e dáballe moita importancia ao que comemos e á vida que levamos. Era unha persoa moi positiva. Dicíame que cando montaramos o obradoiro o fixeramos orientado ao natural, á pastelaría e panadería artesá. Estaba tamén moi preocupada polo que comen os cativos e a xente nova. Todo isto me sensibilizou moito e intento seguir os seus consellos porque a sentimos moito con nós”

O obradoiro de João está no concello de Cerdedo-Cotobade, nun local que antes fora restaurante vexetariano rexentado pola súa muller, Sonia. Ao quedar sen actividade o reconverteron en obradoiro de pastelería e panadería. Non ten despacho xa que o seu negocio vende, fundamentalmente, a establecementos de restauración e despachos que non teñen forno.

Gustaríme ter un espazo para facer vegano, outro para diabéticos, pero teño que pensar tamén no retorno económico, e isto aínda non hai moita xente que o necesite.

João e o seu irmán son os que xestionan a empresa e con esforzo e dedicación están logrando produtos que teñen unha excelente saída. Van pouco a pouco; de feito lle costou tres anos decidirse a solicitar a axuda do GDR. Comezaron de cero, pero João é unha persoa loitadora e competitiva que indo polas portas é quen de abrirse camiño. El ofrece o seu produto, o da a degustar aos futuros clientes, se lles gusta, encárganlle e fai. Tamén elabora a demanda produtos específicos para quen llo solicite.

Eu vou aos establecementos e vexo a proposta que teñen para os seus clientes, e vexo se o que eu podo ofrecer encaixa. Elaboro o produto e doullo a degustar. Se lle gusta, seguimos. Agora mesmo sirvo a 23 clientes tódolos días.”

 

Un dos seus produtos estrela son as empanadillas brasileiras feitas de forma totalmente artesanal e con ingredientes de máxima calidade. João insiste moito neste aspecto, el non busca ingredientes baratos, busca calidade para as súas elaboracións:

Non me importa gañar un pouco menos, pero non sacrifico a calidade polo marxe do produto. Se teño que gañar menos, gaño menos, pero para min é esencial a confianza e o respecto dos clientes.”

Un dos motivos polos que solicitou a axuda do GDR foi que a súa forma de traballar artesanal non lle permite elaborar máis cun número de produtos e non podía atender á demanda que tiña. Ante esta circunstancia tivo que procurar ampliar as prestacións do obradoiro e xestionar mellor os tempos de elaboración dos produtos. O soño de João sería chegar a comedores escolares e cafeterías de centros de ensino para que os rapaces tiveran outra opción de produtos para tomar.

Este emprendedor quere facer constar a enorme axuda que lle ofreceron desde o Concello de Cerdedo-Cotobade, nomeadamente José Luis, quen lle facilitou moito as cousas para poñer en marcha o obradoiro. Tamén ten palabras para as súas empregadas, que son como unha extensión da súa familia, ás que lle da moito valor.

O balance que João fai dende fai cinco anos até agora é que aínda ten moito que aprender e iso o leva a estar permanentemente formándose e facendo cursos. Segue a estar ilusionado e síntese moi arroupado pola súa familia e amigos. Tamén di estar aberto a colaborar e buscar formas de crear sinerxías con outros.

Cando cheguei do Brasil viña con 100 euros no peto. Agora traballo 15 ou 16 horas e síntome moi afortunado. Puiden construír unha vida aquí, síntome apreciado e querido e xa non me vexo vivindo en ningún outro lado”.

Di que non ten ambición, pero João é competitivo, non se pon un tope e quere chegar, como el di, até onde poida, ou até onde a vida lle deixe.

Queremos democratizar o deseño industrial

Os socios de Soluciones Conceptuales e Innovación, S.L, Antonio e Javier, son dous mozos levando adiante unha iniciativa empresarial novidosa e pioneira en Galicia: un estudo de deseño industrial; probablemente o único existente na nosa Comunidade Autónoma orientado só ao traballo que eles especificamente fan.

Non hai moito tecido industrial na nosa comunidade e a demanda dende ela aínda non é moita, por iso somos os únicos, senón, seríamos máis”.

Situado no concello de Soutomaior, acaban de instalarse nunha diáfana casa-nave onde afrontan unha tarefa nada fácil: tratar que o deseño industrial chegue ás empresas promovendo unha maior cultura do deseño no noso tecido produtivo. Este novo espazo vai permitir mellorar a execución do seu traballo en tódolos ámbitos e poder facelo, ademais, con prototipos.

A filosofía dos dous socios é democratizar o uso do deseño industrial e que todo tipo de entidades poidan ter acceso a el, sexan grandes ou pequenas. A aposta polo rural é outra das dimensións innovadoras de este estudo xa que entenden que a actual situación é un plus engadido ao seu traballo que lles permite ter unha calidade de vida que eles desexaban. O seu lema recolle a filosofía do negocio que teñen os dous socios:

Pensamos nas persoas; o centro do nosos traballo é o usuario, as persoas que van utilizar o nosos produto”

Este enfoque non é alleo ao destacado papel que ten xogado para eles a escola na que se formaron como enxeñeiros, a EUDI -Escola Universitaria de Deseño Industrial de Ferrol-, único centro da universidade pública en España dedicado exclusivamente ao deseño industrial.

Rematamos a carreira no 2004. Despois dunha viaxe de estudos a Euskadi onde observamos o que alí había no ámbito da nosa profesión o vimos claro e decidimos que queríamos montar algo como o que temos. Para nós o paso por esta Escola foi determinante, no centro animábannos moito a emprender”.

A Escola púxoos en contacto co mercado e pouco a pouco foron avanzando. Moito do seu traballo lle chega por recomendación, aínda así fan un intenso traballo comercial.

Dende o principio tiveron claro que querían ser autónomos e iniciaron a súa aventura empresarial. No mesmo ano no que remataron os seus estudos botaron a andar a súa iniciativa para o cal contaron co apoio dun viveiro de empresas en Ferrol. Corría o ano 2005 cando se trasladaron a Pontevedra.

Estábamos nunhas oficinas en Pontevedra, aínda que o pasamos mal durante a crise, fomos a máis nos derradeiros anos”

 

Fan un balance satisfactorio do feito até chegar aquí. Destacan o valor do equipo interdisciplinar que os acompaña na travesía: deseñadores gráficos, enxeñeiros, persoal de administración. O ambiente da empresa é espectacular e moderno; non hai divisións nin despachos e respírase un ambiente de actividade, comunicación e creatividade.

Para traballar coa nosa orientación é necesario un equipo interdisciplinar moi integrado; senón fora así non tiñamos remontado a crise. Agora somos entre 8 e 10 persoas no estudo”.

A demanda dos produtos que deseñan acostuman vir pola vía da oferta, é dicir, visitan potenciais clientes e tratan de que entendan as oportunidade que ten o deseño para innovar e mellorar os produtos das súas empresas. Traballan con todo tipo de empresas: grandes e pequenas, de fóra ou locais.

Nestes momentos, o deseño de contedores (de superficie e soterrados) representa unha boa parte da súa facturación. Estes produtos deseñados para unha empresa de Ourense están competindo nos concursos públicos con multinacionais de contedores de lixo. Outro dos seus produtos estrela é un modelo de radiador (para unha empresa de Viveiro) que neste momento é capaz de competir con produtos de orixe asiática e distribuírse en mercados tan esixentes como o británico.

Para que vexades como funciona este tema: no caso da empresa de Viveiro, tes que ir empuxando para que se produzan as cousas. Levamos anos colaborando con eles pero tivemos que facer un labor de convencemento. Insistir en que si se podía facer, até que se decidiron”.

Como enxeñeiros técnicos en deseño industrial o que pretenden é resolver problemas que poidan ter ás empresas cara a mellorar os seus produtos: “menos moda deseñamos de todo, incluso xoias”.

O deseño acostuma asociarse á estética, pero Antonio e Javier se esforzan en facer entender que o deseño forma parte da innovación, que axuda a resolver problemas, a mellorar produtos e prestacións e que non resulta tan caro como pode parecer. Tamén din que “é difícil facerse entender no noso contexto cultural; non hai tradición nin se sabe ver as oportunidades que se xeran cando ti incorporas o deseño como elemento de innovación aos teus produtos”. Por ese motivo hai que empregarse a fondo na tarefa comercial e facer as propostas de xeito adecuado e comprensivo.

Queremos estar desde o principio e participar en tódalas fases para o logro do éxito do produto. Nos comprometemos e implicamos moito cós proxectos; non queremos executar o noso traballo de forma banal”.

Para Soluciones Conceptuales e Innovación S.L a axuda do GDR Pontevedra-Morrazo foi moi importante e fan unha valoración moi positiva de todo o proceso de solicitude da axuda.

A empresa galega está mellorando exponencialmente

Juan José Barreiro Canabal comezou en Electro Gálvez como empregado despois de ter estudado Formación Profesional. Hai 21 anos se fixo coa empresa toda vez que o anterior dono non podía xa facerse cargo dela.

Esta empresa, situada no polígono industrial do Campiño, dedícase á automatización e venda de motores redutores e transmisores de potencia sempre ligados a dar soporte ao produto. Por este motivo teñen incorporados enxeñeiros no seu cadro de persoal co fin de dar resposta ás necesidades específicas dos clientes.

Temos poucas referencias, pero iso nos permite facer un traballo máis específico, máis centrado e dar un servizo de moita calidade”

Os produtos que venden son utilizados nunha multiplicidade de maquinismos: cintas transportadoras para canteiras, en conserveiras, empresa fariñeiras, en granxas de cría de animais, lavadoras industriais, etc. O seu nicho de negocio está no sector industrial, non no doméstico.

Hai mais empresas deste tipo en Galicia pero levan moitas máis referencias de produto: “temos unha especialización máis marcada que a competencia”. Este enfoque fai que Juan José teña que facer un especial esforzo de abarcar amplas zonas de territorio e nestes momentos vende en toda España e Portugal, este último é un mercado en auxe para eles.

Neste negocio sole haber oscilacións de demanda, dependendo tamén da conxuntura económica. Sen embargo, en Electro Gálvez tratan de coidarse destes efectos gracias a un claro e comprometido plan estratéxico que os orienta a saber onde queren ir, come conseguilo e onde investir.

Hai competencia pero hai que moverse: se das a talla saes adiante”

Agora buscan comerciais para facer unha das tarefas que Juan José realiza e que lle resta moito tempo do traballo na central da empresa. Un destes traballos é encontrar bos provedores tanto nacionais como internacionais que lle ofrezan os mellores compoñentes.

Nós somos como Citröen, eles desenvolven o coche, o montan, pero non fabrican o que leva o coche. Nos compramos compoñentes e montamos o produto, que gracias ao noso departamento de enxeñería, podemos personalizar e dar soporte. Damos servizo para que a xente a súa vez poida producir e ofrecer aos seus clientes un produto diferente, porque a xente quere cousas diferentes e útiles”

Esta é unha tendencia xeral. A xente sabe o que necesita ou se lle axuda a definir o que necesita, Electro Gálvez o monta co enfoque que o cliente desexe.

Un dos aspectos máis interesantes deste traballo, segundo Juan José, é que che permite aportar solucións, afrontar retos. O cliente non compra un motor senón un motor que busca solucionar unha demanda ou un proxecto que quere levar a cabo, e iso che permite que o teu produto teña un valor engadido baseado na personalización do mesmo. Se trata, segundo Juan José, de pasar de ter un produto comprado e vendelo a dar un produto personalizado cun valor engadido. O servizo vai incorporado sempre e en todo momento aos seu produtos.

Nós damos luz á máquina e seguimos os seus pasos. As prestacións personalizadas é o noso obxectivo”.

Agora, di, contamos cun tecido industrial galego que vai mellorando exponencialmente. Tanto é así, que levan anos colaborando cunha empresa de software moi boa: “antes estes traballos facíanos os cataláns e agora incluso lle quitamos aos vascos a industria naval”. Segundo Juan José, o que temos que empezar a facer ben é “a caixa e o laciño” aos nosos produtos, é dicir, temos que aprender a vendelos ben. Agora están tentando facer isto e para iso cren que lle vai a axudar o feito de ter un código ético que promocionan dende a súa web.

Se aprende probando e fallando, con esforzo e diñeiro tiras para adiante.

Sería moi importante que nas escolas e facultades os alumnos tiveran máis contacto coas empresas e co mundo do traballo que os faga ver a realidade e desa maneira sacarlle máis proveito aos estudos”.

As axudas do GDR coñecéronas por casualidade xa que non pensaron nunca que poderían ser obxecto de atención por parte desta entidade. Ao final os proxectos acostuman diferir da realidade pero é unha axuda moi benvida.

Unha cuestión importante para Electro Gálvez é a matriz organizacional da empresa, ir mais alá do lío do día a día e non perder a perspectiva de a onde se quere chegar. Unha parte importante da empresa é a comunicación cos seu empregados e colaboradores.

Os venres pola tarde organizamos unha reflexión na empresa co persoal. Iso é moi importante para todos xa que así tratamos de mellorar e aumentar a confianza e o compromiso na empresa. Penso que o principal capital que ten unha empresa é o seu persoal.

Dende Electro Gálvez están tamén moi interesados en seguir un Plan de Responsabilidade Social Corporativa xa que para eles sería unha axuda cara a ofrecer información transparente da súa empresa e unha forma de establecer unha escoita máis activa cos seus grupos de interese. Isto quizáis podería dar forma a esa caixa e laciño ao que facía alusión antes.

Somos un equipo cun proxecto ilusionante

Todo comeza cando entra unha nova xunta reitora na Comunidade de Monte Veciñais en Man Común (CMVMC) na parroquia de Salcedo (Pontevedra) en 2009. Unha particularidade dos montes de Salcedo é que neles está instalada a BRILAT, a brigada aerotransportable do exército, ocupando unhas 60 hectáreas. Ese ano os veciños inician un proceso de reivindicación e loita contra unha Orde ministerial de Defensa (época de Carmen Chacón) na que se pretendía impoñer unha nova franxa de seguridade por parte dos militares, afectando a 300 casas dos veciños de Salcedo.

Unha desas casas era a de Fernando Pintos Pereira que nese ano saíu elixido presidente da CCMVMC. Con anterioridade tentara participar na organización veciñal, pero non foi posible. Fernando é persoa seria con antecedentes de sindicalista e profunda conciencia social. Falamos con el pero en todo momento fai fincapé en que “somos un equipo de 14 persoas comprometidas, activas e responsables, unha grande sorte”, comenta.

Os montes de Salcedo estaban cedidos ao concello de Pontevedra dende o ano 1965, pero cando chegou a Orde ministerial o concello non actuou; esta circunstancia foi o detonante para que dende a CMVMC organizaran unha plataforma veciñal para que se atenderan as súas reivindicacións. A reclamación xudicial para recuperar o monte a gañaron en 2011. A sentencia foi firme e sentou precedente no xulgado de Pontevedra e no Tribunal Supremo. Nesta teima tamén estivemos acompañados polas comunidade de montes de Figueirido, Vilaboa e San Xulián.

Ao final fomos a Madrid e firmamos un convenio cos militares e conseguimos que nos ingresaran un canon anual importante, durante 70 anos, por ter as instalacións nos nosos montes ”

Unha vez gañado de novo o monte, e cos recursos económicos dispoñibles, nos plantexamos que facer para coidalo e poñelo en valor. A filosofía de traballo é ir cara a unha multifuncionalidade do monte e a creación dunha conciencia medioambiental e cultural ligado a el”

O primeiro que fixeron foi restaurar a orografía do terreo, eliminar a maior parte das especies invasores, algunha delas froito de experimentos de Lourizán anos atrás, e retirar os vertidos. A continuación pasaron a un plan de reforestación con frondosas, limpeza de camiños e creación de corta lumes, “plantamos 40.000 árbores, deles 8.000 foron castiñeiros”.

O monte estaba moi afectado polos movemento de terras que fixeran os militares, había vertidos incontrolados, daba pena velo. Era un monte aniquilado polas manobras militares”.

O monte xa non ten na actualidade os usos que tivo antigamente por parte dos habitantes do rural de tal xeito que a xente deulle as costas e entrou no esquecemento. Ao meso tempo, cos cambios nos estilos de vida, a xente das vilas tivo necesidade de sitios de espallamento. Coa idea de ligar á xente da parroquia de novo co monte e a súa posta en valor se prepararon corredoiras e zonas de lecer, así como tres fontes de auga potable, asentos, mesas, etc..

Despois viu o momento de atender ao patrimonio e así recuperamos muíños, o monte do Castro onde unha das cabanas se consolidou, os petróglifos… Se procurou que os veciños se concienciaran do valor do patrimonio e se sentiran identificados. Con este motivo se organiza unha saída anual ao monte onde lles explican aos veciños o que hai.

Facemos todos os anos unha xornada explicativa sobre o monte, o patrimonio que hai nel. Convidamos a arqueólogos, antropólogos, xuristas e logo facemos unha xornada na casa da CMVMC; logo da saída, recibimos suxestións da xente. Antes viña mais xente de fóra que da parroquia, agora xa é ao revés”

E continúa:

Un monte como o noso non pode ser solo para explotación forestal, nós queremos darlle a volta á xestión forestal tal e como a teñen concibida a maioría das entidades. Para nós o monte ten que ser multifuncional e ademais de ter un aproveitamento económico, teno que ter social e por suposto ser motivo de coidado medioambiental e de protección do patrimonio”

O proxecto é pioneiro polo xeito en como se está a levar a cabo. Dende a CMVMC queren que a xente entenda o interese e o futuro que ten coidar o monte. Claro, pero a cuestión era como espertar nos veciños, sobre todo nos máis maiores, o interese do proxecto:

“Preparamos unha xornada e levámolos nun bus ao castro de San Cibrán de Lás a ver o castro e a Campo Lameiro e así a xente visualizou e descubriu que non lles estabamos contando un conto. E pasamos de que a xente da parroquia pasara olimpicamente do monte a que estea pendente del. Así é a forma de poñer en valor o noso proxecto que é o da parroquia”.

O proxecto das cabanas, polo que solicitamos a axuda ao GDR, xurde pois de ver o que se fai noutros sitios arredor destes espazos onde hai cantidade de restos arqueolóxicos. Vai consistir na reprodución dun asentamento neolítico/calcolítico de 3.146,45 metros cadrados, que contará con varias réplicas de edificacións históricas e estruturas de almacenamento e cercados para os animais. Tamén servirán de espazos multifuncionais dedicados á arqueoloxía experimental con actividades didácticas sobre a prehistoria, a antropoloxía e a educación medioambiental.

As cabanas as facemos coa idea de dar a coñecer o patrimonio arqueolóxico para que os rapaces/as e todos/as coñezan a nosa historia. Logo pretendemos construír un Centro de Interpretación como o que hai en Tourón con recursos didácticos para comprendelo e valoralo.”

Encargaron á empresa Citania o proxecto, empresa que xa traballara para a Asociación no proxecto dos sete camiños (ruta que recorre Lourizán, Salcedo e San Xulián), pioneiro en rutas de petróglifos.

O monte estaba sendo usado por bicis así que prepararon as pistas para que a xente puidera ir por elas sen alterar outras zonas do monte. Hai un club ciclista que tódolos anos organiza unha volta ciclista polos montes de Salcedo á que veñen entre nenos e familiares sobre unhas 1.000 persoas e que “da gusto velo”, di Fernando.

Desde esta entidade teñen especial preocupación polos nenos e mozos e están apoiando todas aquelas ideas que impliquen aos rapaces cos montes da parroquia. De feito todos los anos teñen uns cartos destinados a subvencionar a asociacións que despreguen a súa actividade con actividades para nenos en Salcedo.

Colaboramos con todas as entidades da parroquia que se aproximan a nós. Cada ano damos un 5% dos ingresos da CMVMC para que as actividades que se fagan aquí. Este ano a solicitaron 11 entidades.”

No futuro queren, en colaboración co concello, facer instalacións máis ambiciosas tanto no deportivo como no cultural. Os concellos, di, necesitan da participación das parroquias.

Aquí ten vido xente de varias artes de España. É unha referencia no que se refire a restos arqueolóxicos. A raíz disto activouse o contacto do Concello coa nosa asociación.”

Así por todo isto consideran que a subvención que solicitan ao GDR ten todo o sentido xa que supón crear un espazo para veciños e visitantes, coidar o patrimonio natural, histórico-cultural e social. Supón ademais, unha manifestación práctica de como as entidades sen fin de lucro poden ter no seu ADN a Responsabilidade Social Corporativa ao pensar non soamente nelas senón na repercusión que teñen sobre a súa contorna máis inmediata.

Fernando Pintos Pereira

Presidente da CMVMC de Salcedo. Parroquia de Pontevedra