O GDR Pontevedra Morrazo concede cerca de 800.000 euros de axudas para proxectos das comarcas de Pontevedra e O Morrazo

A Xunta Directiva do GDR Pontevedra Morrazo ven de aprobar os proxectos da convocatoria 2019 de axudas europeas  Leader 2014-2020 por importe de 1.961.421,87 euros de investimento total e 770.116,925 euros de axuda pública.  

O xoves 18 de xullo,  celebrouse no Pazo de Cultura de Pontevedra a reunión da Xunta Directiva do GDR Pontevedra  Morrazo coa finalidade de aprobar os proxectos da convocatoria 2019/20 da medida LEADER do PDR de Galicia 2014-2020,  que xestiona o Grupo de Desenvolvemento Rural  Pontevedra Morrazo.

De entre as solicitudes presentadas ata 01 de abril de 2019, a Xunta Directiva aprobou 11 proxectos que se subvencionarán na anualidade 2019/20 (submedida 19.2), ordenados en función da puntuación acadada do baremo e ata o límite máximo do crédito dispoñible para cada tipoloxía, así como unha lista de agarda formada por aqueles proxectos que contando cos informes favorables, non dispoñen de  crédito na anualidade.

O investimento total comprometido nos diferentes proxectos subvencionados ascende a 1.961.421,87 euros, e contribuirán a creación e consolidación de 54,93 empregos (UTAS) dos cales 14,5 empregos serán de nova creación. A proposta de axuda pública total concedida foi de 770.116,92 euros.