Misión, visión e valores

O GDR Pontevedra-Morrazo constitúese en setembro de 2008 como asociación sen ánimo de lucro que pretende servir de núcleo de converxencia e representación de axentes sociais e entidades xurídicas e institucionais, tanto públicas como privadas, interesadas no desenvolvemento rural e integral da zona; dando cumprimento ó principio de "portas abertas" a calquera organización do territorio que desexe participar.

Misión

O GDR de Pontevedra-Morrazo quere contribuír a revitalizar o rural; a facelo habitable e habitado, dinámico e integrador, apostando polos recursos endóxenos como motor de desenvolvemento sustentable.

Visión

O GDR de Pontevedra-Morrazo quere acadar un rural vivo, sostible , integrado e innovador. Tamén quere promover un desenvolvemento máis próximo ao territorio e ás persoas, onde se procure o benestar con responsabilidade e equidade social, e fomentando a posta en valor dos recursos locais e o seu uso de xeito sustentable.

Valores

Os valores do GDR Pontevedra-Morrazo trazarán o horizonte de traballo para acadar a misión e a visión. A súa vez, serán a base na que se apoiará a consecución dos obxectivos:

Sustentabilidade: Na procura dun crecemento económico respectuoso co medio ambiente e coa equidade e benestar social, poñendo en valor os recursos endóxenos do territorio sen comprometer o seu uso e desfrute polas xeracións futuras.

Identidade territorial: Referido ao conxunto de elementos tanxibles e intanxibles do territorio que poden diferencialo e actuar como elemento de cohesión interna, reforzando a implicación de todos os actores locais no desenvolvemento integral do mesmo.

Innovación: Como panca para o crecemento, procurando a xeración de novos produtos, servizos e/ou actividades que contribúan ao desenvolvemento e a competitividade económica.

Cooperación e colaboración: Promovendo a interacción entre persoas e/ou entidades que permita aflorar sinerxías para acadar o desenvolvemento de novas actividades no rural.

• Cohesión e integración social: Con capacidade de xerar e consolidar un modelo social e económico que posibilite a incorporación ao mercado de traballo de colectivos desfavorecidos con especiais dificultades de inserción laboral.

Responsabilidade social: Na procura dun compromiso ético das persoas, empresas e/ou entidades do territorio co respecto dos dereitos fundamentais, coa igualdade de oportunidades, ou coa protección do medio ambiente, entre outros elementos.

Ningún evento vindeiro!